En portada

14 grupos na I Mascarada Ibérica en Viana e Vilariño

Desenvolverase os días 17 e 18 de xaneiro nestes dous concellos do oriente ourensán
Cartaz deste encontro de mascaradas da península que terá lugar en Viana e Vilariño.
Cartaz deste encontro de mascaradas da península que terá lugar en Viana e Vilariño.

Dende boteiros e sidros, pasando por mázcaras, caretos, troiteiros ou vellaróns. Algunhas das faces máis senlleiras das festas de inverno da península ibérica despregarán todo o seu ritual na fin de de semana do 17 e 18 de xaneiro. Será no marco da I Mascarada Ibérica de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. O encontro incluirá a participación de ata trece grupos de diferentes puntos de España e tamén un procedente de Portugal.

O programa comezará na tarde do 17 de xaneiro en Viana do Bolo cun desfile que partirá dende a rúa do Toural ás 18h. Nel tomarán parte a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, os Troteiros de Bande, os Folións Rurais de Viana do Bolo, o Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba de Chantada (Lugo), o Folión de Buxán (O Bolo), o Vellarrón de Riós, o Folión As Carrelas de Viana, os Caretos de Parada (Portugal), o Fulión da Mourela p’acá de Manzaneda, Los Jurrus de Alija del Infantado (León), o Folión Alternativo de Viana, o do Casco Vello vianés e os Sidros de Valdesoto (Asturias).

Ademais na xornada do 18 de xaneiro poderá desfrutarse de novo deste abano de rituais, pero xa en Vilariño de Conso, nun novo desfile que sairá ás 12 h. do Toural. Nel participarán os doce grupos xa mencionados e, ademais, sumarase a eles o Fulión de Mormentelos (Vilariño de Conso).

Esta I Mascarada Ibérica do oriente ourensán será organizada pola Comisión Entroido 2015 de Viana do Bolo e pola Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso en colaboración cos Concellos de Viana e Vilariño. Tamén participan Saga e Portas de Galicia.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close