ConcellosO BarcoVídeos

15 de xaneiro, Día de San Mauro, patrón da Policía Local do Barco

Á sete da tarde haberá misa na igrexa de Santa Rita (a de San Mauro continúa pechada aos cultos polo Covid)

A Policía Local do Barco na celebración de San Mauro o ano pasado. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A imaxe de San Mauro que se conserva na igrexa parroquial do Barco de Valdeorras que leva o seu nome, aparece ataviada coa simboloxía iconográfica propia dun monxe (barba, túnica e un libro entre as mans), sendo xa no século XVI cando comezou a cobrar importancia na localidade, coincidindo coa construción da primeira igrexa parroquial e chegando a desbancar á figura de San Roque.

Foi durante séculos a figura patronal do Barco, á que non só se lle rendía culto relixioso, senón que tamén se honraba con grandes bailes na praza, e suculentas comidas. Co paso dos anos esa celebración acabou decaendo, e as festas perderon participación e vistosidade en favor doutras festividades coma o Cristo ou a Santa Rita. Pero o culto relixioso do 15 de xaneiro permaneceu, e os actos relixiosos cobraron pulo de novo dende que a Policía Local o colleu como o seu patrón, con procesión, misa e aperitivo.

Este ano as restricións provocadas pola pandemia de Covid impiden a celebración como outros anos así que limitáronse á novena e hoxe venres 15 de xaneiro á celebración dunha misa na súa honra na igrexa de Santa Rita (a de San Mauro continúa pechada aos cultos) coa metade do aforo, ás 19 horas.

Con motivo do Día do seu patrón, a Policía Local do Barco vén de difundir neste 15 de xaneiro un vídeo conmemorativo e no que amosan o seu labor.

Artigos relacionados

Back to top button