EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

1,5 millóns de euros para restaurar en Valdeorras 2 espazos mineiros da lousa para o turismo industrial

O vicepresidente primeiro da Xunta anunciaba este investimento de fondos europeos na visita realizada hoxe a Carballeda de Valdeorras

 

O sector valdeorrés da lousa aposta claramente polo turismo industrial. Unha nova mostro disto é o investimento de 1,5 millóns de euros, procedente de fondos europeos, que se destinarán á restauración de dous antigos espazos mineiros do municipio de Carballeda de Valdeorras: Pizarras Tranquila e Pena Pandela. Así o anunciaba o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, na visita realizaba esta mañá ao Clúster da Pizarra de Galicia, en Sobradelo de Valdeorras.

Conde, que viña acompañado polo novo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Minerais, Pablo Fernández; e polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, era recibido por unha representación do Clúster, encabezada polo seu presidente, Víctor Cobo, e pola alcaldesa de Carballeda, María Carmen Gonzáléz. “Queremos apostar por unha minería sostible, pola economía circular, pola integración medioambiental da actividade”, comezaba dicindo o vicepresidente primeiro da Xunta, para logo referirse ao camiño pioneiro que está iniciando a lousa galega no eido do turismo industrial.

 

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, no exterior da sede do Clúster da Pizarra de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“A administración galega ten como unha das súas principais prioridades a recuperación de espazos mineiros, que ten que ir ligada á iniciativa do sector e nesta visita imos coñecer os detalles das actuacións que imos desenvolver en Pizarras Tranquila e Pena Pandela para impulsar unha maior sustentabilidade da lousa. Isto vai permitir que Galicia siga avanzando na recuperación deste tipo de espazos e que entendamos que a minería hai que aproveitala de maneira racional, ordenada e sostible e a recuperación dos espazos mineiros e a valoración dos recursos ecolóxicos vai ser unha constante desta administración en colaboración co sector e co eido local, neste caso co Concello de Carballeda de Valdeorras. Tanto a restauración de espazos mineiros como a valorización dos recursos xeolóxicos son clave para fomentar a sustentabilidade nesta industria”, aseguraba Francisco Conde.

 

Intervención do vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Así mesmo o vicepresidente primeiro da Xunta poñía en valor a minería galega e, en particular a da lousa. “Galicia supón o 8% (246M€ en 2020) de toda a produción mineira de España, neste sector contamos cun peso superior ao que ten Galicia dende o punto de vista económico a nivel nacional, somos a cuarta comunidade autónoma en produción e emprego e Galicia é líder en moitos ámbitos como é a produción de pedra ornamental, de granito e e cuarzo. Pero se nos imos á lousa, Galicia é a comunidade autónoma cun maior peso nas exportacións a nivel nacional, o 70% das exportacións de España teñen como orixe Valdeorras, Galicia, e polo tanto son datos que sempre é importante recordar e poñer en valor e que xustifican todos os esforzos que estamos facendo para o desenvolvemento do sector e para o impacto que ten no rural”.

 

 

Víctor Cobo: “Somos un sector en constante transformación e que soubo adaptarse”

Nesa mesma cuestión incidía na súa intervención o presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo. “Somos un sector en constante transformación cun ámbito de actividade fundamental para Valdeorras, pero tamén para outras zonas como é a veciña Quiroga; un sector que creo que soubo adaptarse aos tempos e á esixente lexislación vixente, sobre todo en materia medioambiental, para permanecer fiel á súa esencia que é a de ofrecer un produto de altísima calidade e do que somos referente mundial en todos os mercados internacionais. O 90% da produción mundial está entre Galicia e a zona de Castela e León”.

Cobo lembraba que a “lousa é un dos motores económicos máis relevantes da provincia de Ourense chegar a crear uns 10.000 postos de traballo entre directos e indirectos e sen dúbida o noso papel é clave para asentar a poboación no rural”. Ao mesmo tempo, o presidente do Clúster resaltaba que “facer compatible a actividade empresarial e industrial co respecto ao medio ambiente é unha das principais premisas coas que opera o sector, que, a pesar da crise mundial orixinada pola pandemia conseguiu, manter practicamente inalterable o seu índice de actividade e exportación”.

 

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

E con relación á innovadora iniciativa de turismo industrial que impulsa o sector indicaba que “estamos inmersos tamén nun proxecto moi singular e significativo: conseguir atraer turistas ás magníficas paisaxes nas que se integran as nosas canteiras, todo un reto para nós e para o Concello de Carballeda. Como non podía ser doutro modo neste proxecto e noutros moitos camiñamos moi unidos”.

María Carmen González: “Apostamos polo turismo industrial”

Pola súa banda, a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, expresaba o seu desexo de que esta visita e este investimento “sirvan para festexar o inicio dunha actividade económica que será punteira coa mesma materia, a lousa, que tanto progreso trouxo a Valdeorras. A actividade mineira está no ADN da nosa terra, así o evidencian as Médulas, exemplo de beleza que minería debidamente ordenada trae aos entornos nos que se desenvolve”.

 

A alcaldesa de Carballeda, María Carmen González./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tamén aludía á lousa xeradora, nun futuro, “doutra actividade potente que tamén vai dar vida e progreso a esta terra. Apostamos polo desenvolvemento do turismo industrial, temos experiencias do interese que esperta nos turistas que visitan Valdeorras o coñecer de primeira man as naves, canteiras e demais instalacións. O desenvolvemento do turismo industrial e do Camiño de Inverno son unha potencialidade única de emprendemento de Carballeda”.

 

 

Visita ás escombreiras de Pizarras Tranquila e Pena Pandeira

A viaxe realizada esta mañá polo vicepresidente primeiro da Xunta a Valdeorras tamén incluía unha visita aos dous espazos mineiros que se van restaurar: as escombreiras de Pizarras Tranquila e Pena Pandeira. Ademais facía un percorrido polos denominados “lagos de Carballeda”, creados pola auga de chuvia nas antigas explotacións de lousa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Visita a antigas explotacións de lousa en Carballeda de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button