CulturaCulturaÚltima hora

156 cartas do epistolario de Emilia Pardo Bazán, na rede

A dixitalización, froito dunha colaboración entre a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, faise pública no día do centenario do pasamento da autora

Un dos momentos da celebración do centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán na RAG./ Cedida.

 

A Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega veñen de publicar na rede as 156 cartas do epistolario de Emilia Pardo Bazán, conservadas no arquivo da RAG, na mesma casa, na rúa Tabernas 11 da Coruña, que foi o fogar da escritora na súa cidade natal. Isto faise coincidir co centenario da morte da autora, un 12 de maio de 1921.

A difusión realízase no marco do Proxecto Epístola do CCG grazas ao convenio subscrito entre ambas as institucións e inclúe misivas enviadas e recibidas pola autora entre 1879 e 1917. A Academia, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, celebrou tamén hoxe a efeméride cunha lectura colectiva de textos de Pardo Bazán e a entrega dos premios do concurso de relatos A Erbeda, que debe o seu nome ao topónimo literario que a autora lle deu á aldea de Palavea.

Aínda que hai nomes significativos como Eduardo Pondal ou Afonso XIII, o núcleo central do epistolario que xa está dispoñible na páxina web do Proxecto Epístola está composto por 87 cartas dirixidas por Emilia Pardo Bazán á súa amiga e comadre Carmen Miranda Armada. “Os textos permiten explorar o universo íntimo da escritora no que fala da morte de seu pai; de como era a súa vida en París ou Madrid ou as súas frecuentes viaxes. E tamén reflicten trazos definitorios da súa personalidade, como é a súa claridade á hora de abordar a condición das mulleres e os seus dereitos, cun enfoque pioneiro e inigualable entre as escritoras do momento”, segundo informa a RAG.

“Mi influencia no existe. Si yo fuese un hombre, y hombre político, entonces se podría esperar algo. Pero desde mi posición literaria no debo esperar que me atiendan sinó en un grado muy relativo”, afirma Pardo Bazán, nunha das cartas.

Na correspondencia publicada, presentada polo CCG no marco dun especial que concentra máis información sobre Pardo Bazán, hai outros grupos menores de cartas, como as enviadas a Eduardo Pondal, do que Emilia Pardo Bazán se confesa amiga e admiradora; ou correspondencia con José Alguero Penedo, notario de Betanzos e artista que colabora no deseño e decoración figurativa na construción das Torres de Meirás, ao que lle di: “Na Torre en construción, que es la que yo he de habitar, quisiera imprimirle alguna huella personal, para cuando la visiten -si la visitan- los curiosos del año 2000”.

Este conxunto epistolar recolle tamén cartas con destacados intelectuais franceses contemporáneos á escritora, como o escritor Jean Lorrain ou a viúva de Émile Bertaux, relevante historiador da arte hispana. Ademais, o fondo inclúe borradores de cartas como a que Emilia Pardo Bazán lle escribe ao Rei Alfonso XIII. Nesta carta recoméndalle mellorar o papel da muller en España expoñendo que para iso é necesario aproximar o país ás correntes máis modernas do resto de Europa nese ámbito.

O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, abriu o acto desta mañá lembrando o vínculo entre Emilia Pardo Bazán e a institución. A intelectual foi nomeada presidenta de honra da RAG no momento da súa fundación e hoxe a Academia custodia boa parte do seu arquivo e biblioteca persoais por decisión das súas herdeiras, ademais de xestionar a súa Casa-Museo, recordou. Víctor F. Freixanes referiuse tamén á parte da biblioteca da autora que permanece en Meirás. “Esperamos podela recuperar como patrimonio da sociedade galega”, confiou.

O responsable da Academia compartiu a lectura dun fragmento de Los pazos de Ulloa, o primeiro libro que mercou, aos dezaseis anos, cos seus propios cartos. Víctor F. Freixanes abriu o acto acompañado, en representación do Concello da Coruña, polo edil José Manuel Lage Tuñas, que escolleu o relato “Feminista”; e a directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo, a académica Marilar Aleixandre, que puxo tamén o acento na defensa que a homenaxeada fixo do acceso das mulleres á educación e a todas as profesións en pé de igualdade cos homes.

 

Outro dos momentos do acto./ Cedida.

 

O acto, conducido pola conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, contou ademais coas intervencións de Sara, Lucía, Daniel, Rocío e Lidia, estudantes do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña, que insistiron nas calidades literarias e no carácter pioneiro da escritora; o editor Eduardo Riestra, a profesora do IES Otero Pedrayo Begoña Valdés e Fernando Cazenave, Elena Lombán, Gloria Pereiras e Rosana Rivas, de Guías de Galicia.

A celebración concluíu coa entrega dos premios do I Certame de relatos breves A Erbeda, organizado pola asociación veciñal “Os nosos lares” de Palavea e que conta coa colaboración da Academia.

Artigos relacionados

Back to top button