EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

15 adegas participarán na XII Feira do Viño de Monterrei

A cita que combina gastronomía, música e viño, celebraraser do 11 ao 13 de agosto na Alameda de Verín

Un total de 15 das 25 adegas que conforman a denominación, participarán na XII Feira do Viño de Orixe Monterrei que se celebrará do 11 ao 13 de agosto na localidade de Verín.

Esta cifra, similar a anteriores edicións, “demostra o apoio dos adegueiros para consolidar esta iniciativa vitivinícola”, asegurou a presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Lara Dá Silva Rodríguez, na presentación da feira que tiña lugar na tarde do 4 de agosto, xunto co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a concelleira de Educación, Cultura e Festas, Emilia Somoza e a edil de Turismo, Comercio, Balnearios e Transportes, Purificación Caldelas que  fixeron un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, “co obxectivo de coñecer de primeira man a calidade dos viños de Monterrei”. Neste sentido, segundo destacou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a organización confía en superar a cifra de 28.000 degustacións rexistradas o ano pasado.

Tal como explicaron no acto, igual que dúas últimas edicións, a praza da Alameda será o escenario desta cita vitivinícola que tamén contará con casetas gastronómicas con produtos da zona. O horario de apertura das casetas será o venres 11 de 20 a 23 horas e o sábado 12 e domingo 13 de 12 a 14:30 horas e de 19 a 24 horas. Os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores, 5 degustacións por 5 euros e unha copa personalizada da D.O. por 2 euros.

 

Cartel da XII Feira do Viño de Monterrei.

O acto inaugural da XII Feira do Viño de Monterrei terá lugar na Alameda de Verín o venres 11, a partir das 20 horas. Despois do mesmo, tras o pregón e o percorrido das autoridades polas casetas participantes, a exaltación da Denominación de Orixe Monterrei trasladarase á igrexa da Mercé de Verín, onde se procederá á imposición de medallas a novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei. Entre estes membros atópase o tamén pregoeiro desta edición, que é Julián Velasco Mielgo, director xeral das áreas de Programación e Comercial de Cadea COPE. O acto estará amenizado polo grupo SonBoleros.

Gastronomía, música e viño xuntaranse un ano máis no marco da feira. Así, está previsto, segundo confirmou Emilia Somoza, que a inauguración esté amenizada pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. Na xornada do venres, ademais, actuará na praza García Barbón a Orquestra Alkar, de 00:30 a 3:30 horas. O sábado pola mañá o recinto feiral acollerá a celebración do VI Paseo Solidario de Bicis Clásicas. Ademais, ás 20horas, a agrupación musical Candaira comezará unha actuación itinerante con saída na praza García Barbón. Con todo, o prato forte musical desta edición será a verbena do sábado amenizada pola Orquestra Costa Oeste, coa sesión de tarde, de 21 a 22:30 horas, e cunha actuación nocturna dende as 00.30 ata ás 02.30 horas, seguida do concerto de mans do grupo En Mala Hora. Rock and Roll Band. E xa o domingo ás 20 horas, a praza da Alameda, acollerá a actuación da agrupación musical Nova Era. Posteriormente, e como peche, a praza García Barbón será o lugar de encontro para o concerto do Grupo Roi Casal Son Cubano son Galego.

As adegas participantes nesta XII Feira do Viño de Monterrei son: Abeledos; Boo Rivero (Fragas do Lecer); Daniel Fernández; Franco Basalo; Gargalo; Ladairo; Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán); Pazo de Valdeconde; Quinta do Buble; Terras do Cigarrón; Trasdovento; Triay; Valderello; Vía Arxéntea; e Vinos Lara.

Artigos relacionados

Back to top button