OurenseÚltima hora

O 16 de novembro será o Debate do Estado da Provincia

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, asinou hoxe o decreto de convocatoria e os grupos políticos terán até o 14 de novembro para presentar as súas propostas
Manuel Baltar, asinando o decreto de convocatoria do pleno.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe, 8 de novembro, o decreto de convocatoria para a celebración da sesión plenaria extraordinaria que terá como único punto da orde do día o debate sobre estado da provincia de Ourense correspondente ao ano 2017, que a Corporación Provincial celebrará o vindeiro 16 de novembro, ás 10:00 horas, no Salón de Plenos do Pazo Provincial. Os grupos políticos do PP, PSOE e BNG terán de prazo ata o día 14 de novembro para presentar as propostas de resolución que se presentarán no plenario.

Este será o terceiro debate sobre o estado da provincia, tras os celebrados en 2014 e 2016 –en 2015 non se celebrou por coincidir en período pre-electoral.

Con esta iniciativa, contemplada no Código Ético e de Conduta da institución provincial, “a Deputación de Ourense incide no seu compromiso de goberno aberto e transparencia coa cidadanía, por medio dun debate plenario que analiza a situación actual da provincia de Ourense e os proxectos e propostas que os grupos políticos na corporación provincial teñen para a nosa provincia”, afirmou Manuel Baltar, destacando a importancia “de informar permanentemente á sociedade de todo canto atinxe ao funcionamento, organización e xestión da institución provincial”.

No pleno, cada grupo político poderá formular ata un máximo de 10 propostas de resolución, que deberán presentaranse por escrito ata o día 14 de novembro ás 14:30 horas, no Rexistro Xeral da Deputación Provincial. O debate abrirase cunha intervención da Presidencia por un tempo máximo de 30 minutos, e a continuación, cada grupo político disporá de 15 minutos de intervención para a formulación de réplica á intervención do presidente e defensa das propostas de resolución presentadas.

A orde de intervención dos grupos estará determinada polo número de deputados cos que conten, intervindo en primeiro lugar o Grupo do BNG, seguido do Grupo de Democracia Ourensana, do Grupo Socialista e do Grupo Popular. Concluídas as intervencións dos grupos suspenderase o pleno por espazo de 30 minutos, durante os cales os portavoces poderán reunirse para negociar os posibles acordos respecto das propostas de resolución.

O Pleno continuará cunha quenda de dúplica do presidente por un tempo máximo de 10 minutos, á que seguirá unha quenda de redúplica dos grupos políticos por un tempo máximo de 5 minutos cada un, coa mesma orde de intervención que a quenda de réplica. O debate pecharase cunha intervención do presidente por un tempo máximo de 5 minutos, e unha vez concluído o debate procederase á votación individual das propostas de resolución presentadas, incluíndo as emendas que se acordasen ao respecto.

O debate sobre o “Estado da Provincia”, como acontece cos plenos ordinarios, será retransmitido en directo a través da páxina web da Deputación de Ourense, para que poida ser seguido pola cidadanía desde calquera lugar e localización.

Artigos relacionados

Back to top button