CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

1991-2016: 25 aniversario do grupo de teatro A Ruada

A cea celebrada na noite do 16 de xaneiro marcou o inicio dos actos conmemorativos da agrupación ruesa

Parece que foi onte e xa pasaron vintecinco anos dende que o grupo de teatro A Ruada, con sede na Rúa Vella comezaba a súa andaina. Facíano o 17 de maio de 1991 co primeiro acto da obra “Os vellos non deben de namorarse” e a partires de aí, xa non deixarían de estrear obras, con alomenos dúas representacións ao ano.

Así, este grupo formado por un nutrido grupo de persoas de idades moi dispares, chegou ao 2016 e con el, a un ano de celebracións que arrancaban cunha cea de aniversario (con tarta incluída, cánticos e bailes) celebrada na noite do 16 de xaneiro no local de ensaio (no adro da igrexa de Santo Estevo), á que asistiron unha trintena de persoas, todas as que forman o grupo actualmente e as que foron pasando ao longo destes anos (algunhas como Carmen Álvarez Trincado continúan dende o principio).

Despois desta primeira toma de contacto do ano, dende a Asociación Cultural de Teatro A Ruada (formada en 2009) teñen programadas outras actividades en torno ao aniversario, destacando unha nova edición das Xornadas de Teatro da Rúa que arrancarán a finais de maio coa representación desa primeira obra que forma parte do seu repertorio, “gustaríanos e intentaremos que o elenco sexa o mesmo de 1991, a ver se o conseguimos”, explican dende a agrupación.

Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil.
Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button