ConcellosÚltima hora

1ª Festa da Xuventude “Ríomola”, o 23 de xuño en San Xoán de Río

A mocidade organiza unha cea seguida dunha gran fogueira con queimada para celebrar a noite de San Xoán
Cartel da Festa da Mocidade en San Xoán de Río.

San Xoán de Río prepárase para celebrar as festas de San Xoán e este ano, por primeira vez, a maiores dos actos previstos pola comisión para o sábado 24 de xuño con cultos e orquestra, dende a mocidade dan un paso adiante para organizar a festa o venres pola noite (23 de xuño) apostando por unha cea e a música dunha discoteca móbil, un cartel que “revolucionará o noso concello na noite de San Xoán”, aseguran.

Para ir quentando motores, en torno ás oito da tarde haberá unha previa no bar Cruceiro, un chamamento para tomar algo todos xuntos antes da gran cea que comezará ás nove da noite no pavillón. Aínda que a organización corre por conta da mocidade “a cea é para todo o mundo”, din. E todo aquel que queira asistir poderá mercar as entradas (15 euros) ata o domingo 18 no bar Cruceiro en Río, na panadería O Campo en Trives e por teléfono no 664 14 03 82 (Lulú). O menú estará composto por: empanada, sardiñas, parrillada de carne, bica, bebida e chupito.

Trala cea, a festa continuará cunha gran fogueira a partires da medianoite. “Queremos a todo o mundo arredor do lume nesta noite meiga e faremos unha gran queimada co seu famoso esconxuro: “Mouchos, curuxas, sapos e bruxas. Demos, trasgos e diaños, […]”, adiantan dende a organización. O apartado musical correrá por conta da Disco Móvil Show para “bailar e desfrutar ata que saia o sol”.

 

Artigos relacionados

Back to top button