En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A 1ª Festa da Xuventude Ríomola supera todas as expectativas

Unhas 150 persoas asistiron á cea celebrada na noite de San Xoán en San Xoán de Río

O 23 de xuño de 2017 será un día difícil de borrar da retina dos habitantes do concello de San Xoán de Río. A primeira Festa da Xuventude Ríomola superou todas as previsións de asistencia e a xente puido desfrutar dunha noite máxica dun xeito diferente.

Fará un mes, a comisión de festas de San Xoán de Río informou que este ano so habería festa o sábado 24 de xuño. Tras coñecer a nova, un grupo de xoves do concello organizados a través da Asociación Cultural RíoMola decidiron dar un paso adiante e encargarse de organizar festa o día 23 de xuño (noite de San Xoán).  Así que tras un gran traballo previo conseguiron crear un programa de actividades baixo o lema “1ª Festa da Xuventude Ríomola”.

Chegou o 23 de xuño e ninguén sabía no concello de Río cal ía a ser o resultado, pero a xente volcouse con esta celebración e superáronse as previsións máis optimistas.

Aínda que o traballo para a xente da organización comezou coa saída do sol, a primeira das actividades non estaba prevista ata as 20h. O día avanzaba entre unha calma tensa mentres todos os suministros da cea, discomóbil e postos de venda ambulante ían tomando o seu lugar. Ás 20h. era a primeira das actividades, un brindis conxunto no Bar Cruceiro onde tomar a primeira do día todos xuntos. O encargado de levar a cabo esta actividade foi o “Palomo”.

Ás 21h. abríronse as portas do pavillón para que a xente fora tomando acomodo nas mesas. Coas entradas totalmente esgotadas, moita xente presentouse á hora da cea sen ter os deberes feitos, polo que a organización tivo que ampliar o aforo a última hora superando os 150 comensais. Con toda a xente xa sentada no seu posto a organización comezou a servir o xantar. De primeiro puidose degustar empanada de atún e de carne elaborada polas 2 dúas panaderías que temos no concello. A continuación veu o prato estrela desta noite, quilos e quilos de sardiñas frescas que chegaron dende a Ría de Arousa no camión do pescadeiro que surte ao concello de Río e gran parte dos da comarca. Tralas sardiñas, chegou o plato potente da noite, costela, criollos e panceta da carnicería de Castro Caldelas que terminaron de encher os bandullos dos asistentes. Todo esto regado con viño godello e mencía da Ribeira Sacra (concretamente de Alais), ademáis de auga e refrescos mercados tanto no supermercado da Luz como na tenda da Itas, demostrando a aposta da AC Ríomola tanto polo pequeno comercio coma polos productores locais. Chegou a hora do postre e como non, a mellor bica do mundo, a bica de San Xoán de Río. (Todo o mundo discute se é mellor a bica de Trives ou a de Castro Caldelas, cando a bica do concello que está no medio de ambas poboacións ten as mellores cualidades de ambalas dúas). Acompañando a bica chegaron os famoses licores da Abeleda. Licor de herbas e licor café deron paso a unha sobremesa onde todo o mundo quedou contento.

Cos estómagos cheos, tocou mudar o pavillón polo campo da festa. O primeiro era facer a fogueira de San Xoán as 24h. pero dado a alerta por risco de incendios, o subcomandante Ginés de Protección Civil de San Xoán de Río mandou retrasar o encendido da fogueira ata que baixase a intensidade do vento. Así que comezou a disco móbil a súa sesión musical retrasando este momento máxico ata as 2 da mañá, cando Ginés deu luz verde e puidose encender a fogueira para o desfrute dos asistentes. Co lume purificador iluminando esta noite, Marta das Cortes comezou a elaboración da queimada ao mesmo tempo que o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, pronunciaba de xeito maxistral no altavoz da discomóbil o conxuro da queimada. A pesares das innumerables invitacións que tiña na noite do San Xoán, o alcalde de Manzaneda decidíu pasala en San Xoán de Río.

A partir dese momento o campo da festa transformouse nunha verdadeira noite meiga entre lume, queimada e música. Tras horas e horas desfrutando tocaba o poñer o punto final a esta gran primeira festa anunciando por parte da organización que haberá unha segunda Festa da Mocidade RíoMola e dándolle as grazas a toda esa xente que axudou, participou ou colaborou coa AC Ríomola.

Texto: Xosé Miguel Pérez Blecua.
Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button