DeportesÚltima hora

1ª Quedada BTT RíoMola o 26 de agosto ás 10h. en San Xoán de Río

Tras un exitoso agosto, a AC RíoMola pecha este sábado as actividades do mes cunha quedada ciclista e un xantar
Cartel da 1ª Quedada BTT RíoMola.

Dende que a mediados do mes de xullo a AC RíoMola e o Concello de San Xoán de Río, chegaron ao acordo de que a Asociación Cultural RíoMola asumía todas as actividades socioculturais do concello, máis dunha ducia de actividades foron celebradas en San Xoán de Río cun éxito sen precedentes. Dende concertos gratuítos ao aire libre, andainas nocturnas, maratón de fútbol sala, festa da bicicleta, campionatos diversos para todos os gustos: tute, petanca, futbolín, ping pong, etc, e múltiples actividades para os máis cativos entre as que destacaron os hinchábeis e a festa da escuma, a AC Cultural RíoMola pon fin a este mes de agosto celebrando unha quedada BTT e un xantar posterior.

Este próximo sábado 26 de agosto as 10h. partirá a primeira quedada BTT (Bicicleta Todo Terreo), organizada pola AC RíoMola coa colaboración do Concello de San Xoán de Río e o Club de Montaña Trives, que percorrerá boa parte do concello de San Xoán de Río cunha lonxitude de 40 qms e un desnivel acumulado duns 800 m por pistas na súa maioría de terra, cunha paisaxe espectacular e unhas vistas que sorprenderán a todos os participantes. As inscricións pecharanse o xoves 24 de agosto e pódense facer no teléfono 627 780 891 (chamando ou whatsapp). Existen 2 modalidades, a ruta só que ten un custe de 5 € ou ruta e xantar no bar Cruceiro ao remate da proba por 15 €. Tamén é posible que acompañantes dos ciclistas ou xente que se desplace a ver o evento podan xantar (sempre con reserva) no bar Cruceiro por 10 €.

A inscrición inclúe dous avituallamento sólidos e líquidos durante o percorrido, asistencia en caso de avaría mecánica e traslado do ciclista e bicicleta ao comezo do percorrido, vestiarios e duchas, mangueira para lavar as bicicletas e algunha que outra sorpresa máis. Ademáis a ruta estará perfectamente sinalizada en todos os seus cruces.

A ruta partirá dende o bar Cruceiro e tras unha leve baixada até a Área Recreativa da Veiga comezará a primeira ascensión do día ata o Alto do Porteleiro onde comezará unha baixada que pasará polas aldeas de Argas Vellas, San Silvestre e Vimieiro. A continuación bastantes quilómetros de falso chan sempre ascendente pasando pola aldea de Vilardá e chegando ao Alto da Moá (límite da provincia de Ourense con Lugo). Alí estará situado o primeiro posto do avituallamento, onde os ciclistas poderán coller forzas antes da ascensión ao Alto do Cerengo onde se superan os 1.200 metros de altura, punto no cal comézase unha espectacular baixada con vistas ao Courel ata a parroquia das Cabanas, onde estará o segundo posto de avituallamento. Da parroquia das Cabanas os ciclistas pasarán polas aldeas de Bexe, A Teixeira, A Fonte e Os Cerdeiros. Dende aquí comezarase a última ascensión do día coa subida ata San Xurxo, lugar dende o cal unha baixada levará aos ciclistas ata San Miguel e rematarán os últimos quilómetros percorrendo os soutos da famosa ruta da Fraga de Río volvendo ao punto de partida.

Tralo evento deportivo, ciclistas e demáis xente que o desexe poderán acudir a un xantar no Cruceiro a base de empanada, lacón asado, postre, bebida e café polo prezo de 10 €, sempre con reserva antes do xoves 24.

Con esta quedada ciclista e posterior xantar, a Asociación Cultural RíoMola pechará as actividades de agosto e comezará a traballar nas dos vindeiros meses.

Texto: Xosé Miguel Pérez Blecua.

Artigos relacionados

Back to top button