DeportesÚltima hora

20 cativos do Barco, A Rúa e Rubiá participarán no I Campamento Infantil de Espeleoloxía Águilas Verdes, en Cobas

Celebrarase na fin de semana do 25 e 26 de xuño e incluirá a visita a unha cova, ao Centro de Interpretación do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e moitas outras actividades de lecer, en plena natureza

Entrada a unha cova.

 

Co obxectivo de fomentar o amor e coñecemento do entorno natural entre os máis pequenos, a conservación do medio ambiente e o descubrimento da contorna, neste caso concreto da Enciña da Lastra, así como a iniciación na espeleoloxía, o G.E.M. Águilas Verdes de Rubiá poñía en marcha o seu primeiro campamento infantil de espeleoloxía.

A idea xurdía hai xa un par de anos, xusto antes da pandemia, pero a situación sanitaria obrigaba a aprazar a actividade que finalmente se celebrará na fin de semana do 25 e 26 de xuño, na zona de Cobas, no concello de Rubiá, dentro do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Tal como explican dende o Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes, a finalidade deste campamento vai moito máis aló de realizar unha actividade ao aire libre. “Pretendemos fomentar a socialización, a interacción co medio natural así como o sentido da responsabilidade individual e grupal, pero tamén buscamos promover nos participantes a convivencia, o respecto e o desenvolvemento dunha serie de actitudes que lles axuden a formarse como persoas”, explican, concluíndo que a súa idea é lograr que os participantes acaden ao remate do campamento “valores como a solidariedade, o compañeirismo ou a cooperación”.

 

Interior dunha das covas que hai no parque natural da Serra da Enciña da Lastra.

 

E para iso os cativos pasarán dous intensos días de actividades en torno ás covas e o resto do parque, co centro de operacións no refuxio que a Federación Galega de Espeleoloxía ten en Cobas. O programa previsto pola organización arrancará o sábado ás nove da mañá coa recepción dos participantes e entrega das correspondentes autorizacións. De seguido comezará a primeira saída da fin de semana dirección á entrada da cova ‘Pala da Zorra-Despiste’. Tras visitala sairán e xantarán na boca da cova. Pola tarde será o turno dos deportes de aventura con actividades con kaiak no encoro de Penarrubia (zona de Cobas), merenda no embarcadeiro e actividades de rapel. De regreso ao refuxio cearán e terán xogos nocturnos ata a hora de durmir.

 

Abaixo, un membro de Águilas Verdes durante unha expedición.

 

Ao día seguinte a xornada comezará de novo ás 9 horas co almorzo no refuxio antes de partir rumbo ao lugar no que se atopa a famosa ‘Aciñeira de Cobas’ árbore senlleira con séculos de antigüidade. Trala visita ao monumento natural desprazaranse ata Biobra para ver o Centro de Interpretación do Parque e pola mañá tamén haberá xogos tradicionais e mesmo un concurso de nós antes do xantar cos pais no refuxio. A clausura, con entrega de diplomas e agasallos, está prevista para as 16:30 horas aínda que os horarios poden variar.

Debido á capacidade do refuxio, as prazas están limitadas a 20 cativos, de entre 7 e 14 anos, que levan xa tempo cubertas.

Fotos: Águilas Verdes.

Artigos relacionados

Back to top button