DeportesÚltima hora

200 corredores participan na 5º edición da Tres Lunas Race, no concello de Rubiá

Os portugueses André Filipe e Rita Caetano impoñíanse na carreira de BTT celebrada esta fin de semana

 

“Éxito, valentía e aventura”. Así definen dende a organización a quinta edición da Tres Lunas Race que se celebraba esta fin de semana co apoio do Concello de Rubiá, despois da pausa obrigada en 2020 como consecuencia da pandemia.

Con sede en Quereño, baixo estritas medidas sanitarias, incluso coordinando un cribado gratuíto para todos os participantes, a proba ciclista enfrontábase á incerteza do momento co “obxectivo de recuperar o seu espazo como unha das probas de referencia en BTT do noroeste peninsular”. E lográbano cos 200 corredores chegados de diferentes comunidades, tamén de Portugal, que se atrevían cun formato moi esixente de tres etapas en dous días, aínda máis desafiante coas altas temperaturas da fin de semana.

Entre os corredores, nomes como André Filipe, actual campión nacional portugués en múltiples disciplinas cun subcampionato mundial en XCO, ou Daniel García Castaño, actual campión galego Máster 30 de estrada, que seguidos de preto polo corredor local Fernando Lopes, mantiveron un duelo espectacular nas tres etapas.

 

 

Finalmente a vitoria, pelexada na xeral, era para André Filipe por 35 segundos, sumando así o seu nome ao de Javi Busto, Brandán Márquez e Óscar Pujol. “Un cadro de vencedores á altura dunha proba de prestixio”, aseguran dende a organización.

Na categoría feminina a portuguesa Rita Caetano, terceira no Campionato Europeo de Resistencia 24 horas, impoñíase á anterior campioa da Tres Lunas Race e dorsal 1 desta edición, a campioa do Mundo de Dúatlon, Aida García.

“Deportistas de primeiro nivel, como todos os valentes que se atreveron a tomar a saída e concluír con éxito a aventura”, sentencian dende o Tres Lunas Valdeorras.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button