OurenseÚltima hora

22 marcas presentarán 30 modelos novos no 10º Salón do Automóbil, en Expourense

Do 19 ao 21 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 26 ata o 28 de outubro o do Vehículo de Ocasión

Todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (A.C.A.U.T.O.) participarán como expositores no 10º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fins de semana seguidas en Expourense. Do 19 ao 21 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 26 ata o 28 de outubro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.

En total, participarán 16 empresas representando a 22 marcas que presentarán 30 modelos novos, algúns deles poderán verse en exclusiva por primeira vez en España. Todas as marcas aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2019.

Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido.

Ademais os organizadores colaborarán de novo con “Stop Accidentes” que contarán cun stand informativo nestas citas no que explicarán a necesidade de que os vehículos conten cunha “Folla de rescate” que facilite o labor dos servizos de emerxenxia en caso de accidente ou sinistro, xa que é un mapa do vehículo que recolle todas as súas características físicas pero tamén os sistemas de seguridade pasiva e electrónicos. Tamén promocionarán o protocolo “P.A.S.” ( Previr, Avisar, Socorrer) para que o público saiba cómo actuar correctamente no caso de atoparse cun accidente de tráfico.

Artigos relacionados

Back to top button