ConcellosÚltima hora

264 quilómetros en 48 horas dende Ponferrada ata Santiago de Compostela

O ultrafondista chantadino Fernando Ibarra levará a cabo, do 16 ao 18 de febreiro, o I Desafío polo Camiño de Inverno

Este será sen dúbida un bo ano para o Camiño de Inverno. Dende a súa oficialización en agosto de 2016, non se deixa de falar desta ruta xacobea que entra en Galicia por Valdeorras e atravesa as catro provincias ao longo de 264 quilómetros dende Ponferrada ata Santiago de Compostela. E eses serán os que percorrerá en 48 horas (do 16 ao 18 de febreiro), o ultrafondista chantadino Fernando Ibarra, no I Desafío polo Camiño de Inverno organizado e patrocinando pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.

Para presentar este sinsgular e difícil reto, na mañá do 9 de febreiro achegábanse ata o Pazo do Castro, no Barco, o propio atleta e parte da directiva da asociación, con Aida Menéndez á cabeza. Segundo as palabras da presidenta, o Camiño de Inverno necesita “moita promoción e todos debemos implicarnos”, destacando que dende a súa constitución no ano 1999 a asociación leva organizado innumerables actividades con este fin, moitas delas novidosas. Nesta ocasión sorprenden con esta proposta feita polo propio Ibarra na que se centraron ao 100% para “atraer e involucrar aos deportistas”. De feito, as posibilidades que ofrece o camiño (pola variedade orográfica e as distancias) para adestrar e preparar grandes probas, foron as que espertaron no ultrafondista a posibilidade de propoñer este reto: “a primeira carreira desta distancia sen etapas de España e das poucas de Europa” asegurou na presentación.

Tanto a asociación como o propio Fernando son conscientes da dificultade que entraña levar a cabo o seu obxectivo para o que empregará dúas noites e un día por unha ruta moi complicada e en inverno, con todo o que iso implica, pero teñen confianza e ilusión por lograr que se fale del e sobre todo do Camiño e para iso, queren implicar a todos os clubs existentes ao longo do percorrido, “para que nalgún punto se lle poda unir algún atleta”. En Valdeorras, contan co apoio e colaboración do Pazo do Castro (teñen un establecemento hostaleiro por comarca) e do Club Adas Proinor, cuxo presidente Agustín González, asistía á presentación. Alí, calificou de “moi complicada” a iniciativa, recoñecendo que no club non realizan probas de ultrafondo e pola comarca pasarán de madrugada, polo que será difícil que se una xente “pero supoño que alguén haberá”, dixo, asegurando que ao que si se comprometen é a propoñer ou organizar eles mesmos algunha proba en torno ao Camiño de cara ao futuro, para contribuír á súa promoción”.

Dada a dificultade do reto (ás orográficas hai que engadir as físicas e as meteorolóxicas) é imposible saber as horas exactas ás que pasará por cada punto, por iso, habilitarán unha sección na páxina web da asociación: www.caminodeinvierno.com para poder seguir a Ibarra en directo. A saída será o venres 16 de febreiro ás 21 horas dende a praza do Concello de Ponferrada e malia que nesta ocasión pasará por Valdeorras de noite, a presidenta da asociación asegurou que “como é un proxecto de futuro e confiamos en que haxa máis edicións, iremos cambiando os horarios para que todas as comarcas poidan participar”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button