ConcellosÚltima hora

270 concellos galegos están adheridos ao convenio de protección contra incendios das aldeas promovido pola Xunta

A porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias (as máis próximas ás vivendas) das parroquias priorizadas achéganse ao 70% do total

Publicidade
Traballos de desbroce.

 

Dende a entrada en vigor en 2018 do convenio de protección contra incendios forestais das aldeas asinado pola Consellería do Medio Rural, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- das parroquias priorizadas, pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% neste 2021.

Este convenio é o resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, polo que se dá así cumprimento a un mandato da Cámara galega. E precisamente ao abeiro deste acordo, a Xunta vén de finalizar os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas de parroquias priorizadas, onde os titulares poden executar a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. Nesa inspección, constatouse o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, acadándose tres de cada catro parcelas xestionadas.

Mentres, uns 65.000 titulares recibirán a notificación para que procedan á limpeza coa advertencia de que, de non facela, cada Concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente. A día de hoxe, xa están advertidos uns 8.000 propietarios e persoas xurídicas dos 81 concellos priorizados mentres uns 31.500 son ilocalizables, polo que vai ser preciso publicar as notificacións no DOG e no BOE.

 

Roza con tractor.

 

Tras a revisión das parroquias priorizadas, a Xunta procederá este ano á revisión das parroquias non priorizadas nos 81 concellos priorizados. Para iso foron contratados un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio das parroquias priorizadas. Nesta revisión estanse a inspeccionar os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz.

O convenio

Ademais das accións nas faixas secundarias, o acordo contempla a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, así como 10 ha de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.

 

Traballos de prevención contra incendios.

 

A maiores, está incluída a posta en marcha de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia.

Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 5.000 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias, como a que supuxo a entrega á Asociación medioambiental “Axuge” de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas.

Asistencia técnica

No que atinxe á asistencia técnica, a Xunta segue apoiando aos concellos para a tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios, chegando xa aos 232 plans enviados a outros tantos municipios. Deles, 130 xa están aprobados e 41 contan con informe favorable da Consellería e están pendentes da aprobación no Pleno dos concellos.

Artigos relacionados

Back to top button