ConcellosGalerías de fotos

Unhas 3.000 persoas asisten á XXV Festa do Pan de Cea

O ciclista Óscar Pereiro foi o pregoeiro desta edición

A localidade de San Cristovo de Cea encheuse de xente durante a pasada fin de semana, no marco da XXV Festa de Exaltación do Pan de Cea. Ata a vila ourensá desprazáronse arredor dunhas 3.000 persoas para participar deste encontro gastronómico que cumpría o primeiro cuarto de século.

A música inundou as rúas da vila dende cedo. Posteriormente, os directivos do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea ofreceron unha benvida ás autoridades que asistiron tamén á festa. Entre elas estaba a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, e o presidente da Asociación Ourensá de Escleroes Múltiple, Ela, Parkinson e outras Enfermidades Neurodexenerativas (Aodem), Constantino Guzmán.

A organización outorgou a todos eles unhas figuras de Sargadelos. Pero tamén houbo homenaxe á panadeira xubilada de Cea no último ano, Isaura Fernández, ao membro da organización, José Dalama, e á chef Emma Pinal, do Gastrobar “O Birrán”. Tamén se gabou o traballo dos panadeiros xubilados e aos fornos colaboradores.

Tras as homenaxes, o ciclista Óscar Pereiro foi o encargado de inaugurar a celebración propiamente dita, cun pregón no que gabou as características e calidade do produto homenaxeado, o Pan de Cea. Posteriormente, a festa continuou con diversas actuacións musicais. Repartíronse 2.700 peazs de Pan de Cea e esgotáronse as 550 entradas para o xantar organizado.

Artigos relacionados

Back to top button