DeportesÚltima hora

3 ouros para o Sincro Ourense no campionato de rutinas técnicas júnior de natación artística

Ana Moyano foi a gran protagonista, conseguindo os ouros no seu Só Técnico, no Dúo Técnico e no Equipo Técnico

 

Que ganas tiñan as nadadoras de volver á competición. Así o demostraron os sete clubs galegos de natación artística que participaban esta fin de semana na 1ª xornada de figuras alevín/ infantil e do campionato de rutinas técnicas júnior que se desenvolveu no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontevedra, entre os que estaba o Sincro Ourense que lograba, nin máis nin menos que, tres medallas de ouro en rutinas técnicas.

A xornada comezaba coa liga de figuras alevín e infantil, na que as nadadoras do Sincro, adestradas por Beatriz Montes e Elvira López lograban bos resultados, destacando en alevín, o 2º posto de Alejandra Baliñas e o 5º de Martina Álvarez; e en infantil, o 2º posto de Estela L. Ojea, o 4º de Blanca Moyano e o 7º de Iria Fernández. En xaneiro disputarase a segunda xornada que irá definindo as posicións.

 

Ana Moyano e Rocío Blanco, coas medallas.

 

Pero o broche á xornada poñíano as nadadoras ourensás da categoría júnior con 3 medallas de ouro e un 5º posto. O Sincro Ourense participou en todas as modalidades cun Só, un Dúo e dúas Rutinas de Equipo, conseguindo os tres ouros no Só Técnico de Ana Moyano; o Dúo Técnico de Rocío Blanco e Ana Moyano; e o Equipo Técnico formado por Rocío Blanco, Ana Moyano, Erea Lamas e Eva Rodríguez. O 5º posto foi para o Equipo Técnico formado por Elia Rodríguez, Blanca Moyano, Antía Touriño, Lía Pulido e Sarah Sánchez (suplente).

“Moi  boa puntuación para un equipo que se iniciaba en categoría júnior”, aseguran dende a directiva do club, orgullosos de que demostrarán unha vez máis a súa capacidade de adaptación para poder superarse malia os obstáculos. “O club goza de moi boa forma e conta con grandes nadadoras que demostraron a súa valía tempada tras tempada, e nesta ocasión executaron con gran precisión e técnica, as rutinas elaboradas pola súa adestradora”, conclúen.

 

O equipo júnior coas medallas.

 

Fotos: Sincro Ourense

Artigos relacionados

Back to top button