En portadaÚltima hora

31ª Milla do Barco, a festa do atletismo valdeorrés

O programa deportivo desta proba comezará ás seis da tarde no Paseo do Malecón barquense

 

Dende hai 31 anos a Milla Urbana do Barco congrega nun mesmo circuíto urbano a meniños de apenas 3 anos, atletas da base, populares e veteranos, e tamén a referentes da élite no mediofondo. É unha proba dunha altísima participación e calidade que forma parte do calendario da Federación Española de Atletismo e que se enmarca no programa deportivo das Festas do Cristo.

A cita está prevista para o 17 de setembro ás 18h. no Paseo do Malecón e terá como cabezas de cartel a Solange Pereira e, na proba masculina, a Dani Arce ou Jesús Gómez. Pereira será sen dúbida unha dura rival na milla feminina, suma sete triunfos no Barco e nesta tempada vén de manterse como campiona de España en 1.500 m e mundialista. Con ela mediranse tres atletas do Adas: Leticia Fernández (quinta no campionato de España de 1.500 m), Ester Navarrete (finalista no nacional de 5.000 m e bronce nesta mesma proba no 2016) e Sandra Mosquera. Na Milla masculina, a participación valdeorresa estará en mans de Alejo Ares (Adas), para quen será a súa segunda Milla.

 

 

Xunto co atletismo de máis alto nivel, a Milla conxuga a aposta polos atletas máis novos e polos veteranos. “O noso gran obxectivo é a participación, queremos ter unha gran presenza de corredores, moitos nenos, populares e veteranos. A intención é que a Milla siga medrando a nivel de pequenos e de maiores”, asegura González.

 

Serán precisamente as categorías base as que abrirán a Milla a partires das seis da tarde. Comezará coas carreiras dos benxamíns, alevíns, infantís e cadetes (categoría a partir da cal xa se corre a milla completa, 1.609 m), tanto en categorías masculinas como femininas. Logo competirán os junior-xuvenil masculinos e, xa ás 18.50h., darase paso aos veteranos, populares e federados, masculinos e femininos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button