Un panel formado por 10 profesionais reuníase na tarde do 9 de xullo para iniciar a XVI Cata dos Viños da Feira do Viño de Valdeorras. A primeira fase do certame comezaba ás seis da tarde no salón de catas do Consello Regulador desta D.O., en Vilamartín. Nela valorábanse un total de 34 viños (15 brancos e 19 tintos) das 16 adegas participantes na décimo oitava edición da mostra.
Nesta pre-cata seleccionábanse os 12 viños finalistas (6 brancos e 6 tintos). Na mañá do 10 de xullo desenvolverase unha cata final na que se decidirán os premios do concurso: tres para os mellores brancos, outros tantos no caso do tinto e ademais a mención especial doutras añadas. A entrega de premios terá lugar ás 13h. do 12 de xullo no recinto da Feira do Viño de Valdeorras, ubicado na praza de Viloira (O Barco).