ConcellosRubiáÚltima hora

356.000 euros para a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres de Rubiá

 

Nos últimos anos a Xunta destinaba un total de 356.000 euros do Fondo de Cooperación á rehabilitación de seis vivendas da rúa Terra do Souto de Rubiá. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, visitaba esta mañá as obras de rehabilitación destas antigas vivendas dos mestres neste municipio, cuxa recuperación está a ser financiada a través do Fondo de Cooperación, unha liña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Así, estas vivendas recibiron fondos nas convocatorias de 2017, 2018 e 2019, ata un total de 356.000 euros. Deste xeito, o Concello de Rubiá accedeu a varios préstamos sen xuros que xa está a devolver e seguirá a facelo durante os vindeiros anos. De feito, no 2020 acadou tamén, a través da mesma liña, unha subvención de preto de 50.000 euros para un proxecto de mellora do sistema de tratamento de auga potable.

O delegado territorial lembrou que o programa foi creado en 2017 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo e que na actual convocatoria –a de 2021- reserva case 4,5 millóns de euros. Os concellos interesados en participar no mesmo dispoñen ata o 1 de outubro para presentar as súas solicitudes.

Gabriel Alén, invitou aos concellos da provincia a presentar os seus proxectos e beneficiarse deste crédito, que deberán devolver a administración galega nun prazo de oito anos sen xuros. Recordou que os incentivos serven para levar a cabo actuacións de rehabilitación, así como para adquirir inmobles para a súa posterior recuperación.

O representante do Goberno galego lembrou que este programa de rehabilitación é unha mostra do compromiso do Goberno galego coa conservación e recuperación do patrimonio construído na comunidade. Grazas ao mesmo xa se impulsaron 36 axudas por un importe de máis de 7 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button