DeportesÚltima hora

38 deportistas representarán ao Barco nos XIV Xogos do Eixo Atlántico, en Maia (Portugal)

Competirán en diversas modalidades de atletismo e en baloncesto nesta cita internacional

 

Na mañá deste 1 de xullo tiña lugar no salón de actos do edificio multiusos do Barco a recepción dos deportistas deste municipio que acudirán aos XIV Xogos do Eixo Atlántico, que se desenvolverán 4 ao 8 de xullo en Maia (Portugal). A delegación barquense está formada por 38 deportistas e 5 técnicos, que competirán en baloncesto (a través do MV O Barco) e en diferentes modalidades de atletismo (a través do Club Adas Cupa).

Nesta edición dos Xogos estarán xunto ao case que 2.400 deportistas que representan ás 28 cidades de Galicia e do norte de Portugal integradas no Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

A selección do Barco saíra en autobús o luns pola mañá, para participar pola tarde na inauguración dos Xogos en Maia. O regreso dependerá da evolución dos barquenses na competición e de que cheguen ou no ás finais, xa que as últimas competición están previstas para o venres 8, segundo informa o Concello do Barco.

Nesta recepción dos deportistas estaba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, que resaltaba a relevancia dese evento e aconsellaba aos representantes barquenses que, ademais de competir “como saben facelo, gocen dunha experiencia única para coñecer a deportistas de diferentes concellos e países, nunha convivencia que pode ser moi enriquecedora para todos vós”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button