ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

4 millóns de euros en axudas para explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais danadas polos incendios en Galicia

A convocatoria oficial sairá mañá no DOG tal e como anunciaba o conselleiro do Medio Rural que se reunía esta tarde cos tres concellos afectados polo lume en Valdeorras

 

Ata a Casa Grande de Viloira (O Barco) desprazábase esta tarde o conselleiro do Medio Rural, José González, para manter unha reunión cos alcaldes dos tres concellos afectados (Carballeda de Valdeorras, O Barco e Rubiá) polo incendio forestal que arrasaba boa parte da comarca a semana pasada e que leva varios días controlado. No encontro participaba tamén o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. O conselleiro comezaba poñendo en valor o esforzo e traballo realizado polo dispositivo de emerxencia, polos servizos de extinción e tamén o da Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Nacional e a dos efectivos da UME e das Brif. E deseguido referíase ás liñas de axuda que vai convocar a Xunta para os afectados polos incendios que sufría Galicia nos últimos días.

“Vimos a falar de futuro. Houbo unha actuación moi áxil por parte da Xunta de Galicia, de feito mañá publicamos no DOG axudas que chegan ata os 8 millóns de euros, quero aclarar que non é unha cifra límite, senón que é unha primeira cuantificación e imos ver o que é necesario. Dentro desas axudas hai diferentes ámbitos, para vivendas, para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, para infraestruturas… Na parte que toca á miña consellería imos publicar mañá a orde de axudas de 4 millóns de euros para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, cubrindo danos que puidera haber na maquinaria, nos peches, nas explotacións, pero tamén alimentación do gando ou no seu caso a reposición dese gando, en fin todo aquilo que entendemos que poida axudar a paliar as dificultades que está tendo a xente afectada polos incendios forestais”, dicía José González.

Así mesmo o conselleiro do Medio Rural anunciaba que na vindeira semana persoal do Centro de Investigación de Lourizán, “os maiores expertos que temos en España de estudo de afectación dos solos polos lumes e das medidas paliativas que é necesario impoñer para evitar o risco de erosión ou de escorrentías, estará vén aquí analizando todas as situacións que se poden dar e colaborando. Teremos seguro esa conexión que se deu no momento do incendio, esa coordinación, de forma que tamén os alcaldes nos poidan trasladar aqueles sitios que, polo seu coñecemento do territorio, saben que teñen máis problemas de escorrentías ou de erosión. A Xunta de Galicia vai facer o que sexa necesario para evitar esas problemáticas con técnicas que son pioneiras e que aquí aplicamos con certa frecuencia como pode ser o mulching, que é soltar a palla nas zonas máis afectadas e iremos vendo cal é a necesidade de toda esa actuación”.

No encontro tamén se abordaban actuacións a medio prazo e longo prazo xa que, “máis alá do cambio climático que pode ser un catalizador desta situación, máis aló da situación climatolóxica extrema que vivimos a semana pasada, está clarísimamente a necesidade de facer unha xestión do territorio. O problema fundamental é a carga de combustible existente derivada do abandono do rural e que entre todos temos que reverter con instrumentos que xa están recollidos en normativa como a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Os seus instrumentos poden servir para agora estas zonas afectadas podelas recuperar cun criterio de ter actividade agrícola, gandeira e forestal de xeito ordenado para que ademais de xerar valor engadido para que a xente poida vivir o rural nos axude a facer máis resistente o territorio fronte aos incendios forestais”, dicía o conselleiro do Medio Rural.

 

 

 

Os alcaldes do Barco e deRubiá e a alcaldesa de Carballeda coincidían co exposto polo conselleiro e destacaban a importancia desta fase de reconstrucións que agora comeza.

 

 

O alcalde do Barco: “Agora toca planificar, pensar e repensar o territorio”

O rexedor barquense, Alfredo García, agradecía o labor dos traballadores dos equipos de extinción e resaltaba que agora toca “planificar, pensar e repensar o territorio, se non poñemos en valor a superficie que hai arredor das aldeas isto non ten solución. É necesario que en cada aldea haxa unha familia ou dúas que vivan do territorio, e así seguirán existindo incendios forestais pero non se queimarán as casas, porque estarán de verdade protexidas. Este incendio puxo de manifesto que unha franxa de 50 metros ou de 100 m nun día como ese non serve de nada, o lume pasa por riba, pasou o río, xa é a terceira vez que cruza o Sil. O incendio de hai dez anos cruzouno dúas veces e este unha, polo tanto, ten que cambiar a forma de pensar da xente e, sobre todo da xente de fóra dos pobos, a que consume que tamén terá que empezar a esquecer esa teima de comprar o máis barato, non, hai que comprar os produtos de aquí porque teñen calidade, porque os fan as nosas xentes e porque ademais xeran riqueza e postos de traballo aquí”.

 

 

A alcaldesa de Carballeda: “Esta traxedia púxolle cara ao abandono rural”

Pola súa banda, a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, aseguraba que “esta traxedia púxolle cara ao que levamos moito tempo temendo, o abandono do campo. Levamos unha boa lección, pero eu quero esquecer toda a traxedia, tristeza e falar de futuro. Empezamos a construír e construimos basicamente coas axudas moi áxiles que puxo a Xunta de Galicia. Imos empezar a traballar coa xente, a poñer en valor os pobos, a darlle a importancia que merecen, non só o valor sentimental, senón que aí teñen que estar os nosos descendentes, debemos transmitir un pobo mellor e na construción de futuro faremos saber que hai que cambiar. Axudar, totalmente, agradecer o esforzo que fai a administración para destinar recursos á nosa terra, evidentemente, pero imos construír con lóxica. Temos que deixarnos de egoísmos”.

 

 

O alcalde de Rubiá: “O futuro plantéxase cunha colaboración total entre todas as administracións e a veciñanza”

Finalmente, o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez, referíase tamén á importancia de colaborar entre todos, administracións e veciñanza. “Unha vez pasada a traxedia, intentaremos superalo pouco a pouco. O futuro plantéxase cunha colaboración total entre todas as administracións e tamén cos propios veciños porque, se non colaboramos entre todos, o que pasou este ano pódese repetir o ano que vén”.

Ademais plantexaba a importancia de “articular algún sistema que nos permita a todos acceder a facer desbroces nos entornos dos núcleos cunha certa facilidade porque o problema que temos agora nalgúns concellos é que a xente o único que está demandando, visto o que pasou é desbroces, que se nos poñemos todo o parcelario que hai no entorno dos núcleos para algúns concellos é unha situación que nos desborda, é inabordable pola cantidade de parcelas que hai. Por iso digo que a colaboración debe ser entre todos, temos que nos concienciar e articular algún sistema que nos permita acceder a eses desbroces, a esas limpezas e a esa posta en valor dos terreos que é fundamental para afrontar o futuro e para iso temos que colaborar entre todos”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button