OurenseÚltima hora

424.000 euros para a rehabilitación integral da casa reitoral de Santa Comba de Bande

Visita institucional a reitoral.

 

Na casa reitoral de Santa Comba de Bande realizarase unha rehabilitación integral que supón un investimento de 424.000 euros por parte da Xunta. Nesta fin de semana o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitaban este edificio xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

As actuacións neste edificio anexo á igrexa de San Trocado ou Santa Comba contribuirán á eliminación de barreiras para os visitantes e á mellora da calidade do entorno lindeiro co templo visigótico. Deste xeito, a Xunta pretende poñer en valor este tesouro arquitectónico co obxectivo de atraer visitantes a través do fomento do turismo cultural e sostible.

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou a importancia de recuperar este edificio, que encaixa co modelo turístico de Galicia, baseado na sostibilidade e a calidade. Así, incidiu no potencial turístico do concello e na súa aposta por este modelo de turismo que axuda á dinamización da economía e a fixar poboación no rural.

De feito, a igrexa de San Trocado ou Santa Comba de Bande é probablemente o edificio visigótico mais completo da comunidade e un dos mellores exemplos de arquitectura hispanovisigoda da Península Ibérica. Ademais, o municipio conta tamén o Centro de Interpretación do conxunto arqueolóxico Aquis Querquennis, un dos principais atractivos turísticos da zona. Tamén pertence ao parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés e conta coa ruta cultural do Camiño de San Rosendo.

 

 

Por iso, Alfonso Rueda sinalou a importancia de levar a cabo actuacións como esta rehabilitación para “ofrecer a mellor cara e imaxe de Galicia” a turistas e peregrinos que visiten a comunidade cando a situación sanitaria o permita, ao igual que se está a facer nos albergues e nas distintas rutas xacobeas. Ademais, a Xunta aposta por fomentar Galicia como destino seguro para recuperar a confianza dos viaxeiros a través de medidas como o seguro coronavirus.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou o incremento do 19% que este ano realiza a Xunta na mellora do patrimonio cultural, entendéndoo como dos piares fundamentais da identidade de Galicia e motor económica. Destacou tamén a importancia dos traballos na Reitoral de Santa Comba de Bande, que porán en valor a riqueza patrimonial da igrexa de San Trocado, un dos 748 Bens de Interese Cultural (BICs) cos que conta Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button