ConcellosOurenseSen categorizar

4,5 millóns de euros para o Plan Transforma Ourense

Persegue a realización de accións de emprendemento en sectores ourensáns como o termal, a lousa e a vitivinicultura, entre outros
Sinatura do acordo entre a Deputación de Ourense  e a Fundación Escuela de Organización Industrial.
Sinatura do acordo entre a Deputación de Ourense e a Fundación Escuela de Organización Industrial.

Mellorar a innovación tecnolóxica das Pemes e incrementar a súa competitividade, así como favorecer o emprendemento, a creación e consolidación de empresas de base tecnolóxica e potenciar o tecido empresarial ourensán. Estes son os principais cometidos do Plan Transforma Ourense que abrangue accións enfocadas ao coñecemento da realidade empresarial e ao estudo das necesidades de cada sector, ademais de estimular o desenvolvemento de ideas empresariais, favorecer o intercambio de material tecnolóxico entre as empresas e axilizar o acceso a toda a información en temas relacionados coa innovación: proxectos, guías de I+D+i e innovación.

Este proxecto nace froito dun acordo de colaboración que asinaban na mañá do 4 de xuño o presidente do Inorde, Manuel Baltar, e o director xeral da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI), pertencente ao Ministerio de Industria, Fernando Bayón. Este plan estará dotado con 4,5 millóns de euros, e busca a realización de iniciativas de emprendemento en sectores destacados da provincia de Ourense como son o termal, a lousa e a vitivinicultura, entre outros.

O financiamento procede, segundo se indica dende a Deputación de Ourense, de fondos FEDER e FSE e achegarase en tres anualidades: 2015, 2016 e 2017, a razón de 1,5 millóns de euros en cada unha delas.

Tras a rúbrica do acordo, Manuel Baltar aseguraba que “repercutirá moi positivamente no desenvolvemento social e económico da nosa provincia porque permitirá poñer en marcha un plan de emprendemento baseado nos sectores estratéxicos do noso territorio, como é o primario e a lousa, ou sectores de futuro como son o termalismo e as industrias culturais”.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button