En portadaEspecial Cristo 2016Última hora

O Descenso do Sil prevé reunir a 400 participantes na súa 50 edición

A proba celebrarase o vindeiro 10 de setembro dende Sobradelo até o Barco
Un momento da presentación da proba, esta mañá, no Barco.
Un momento da presentación da proba, esta mañá, no Barco.

O Descenso Internacional do Sil celebrará a 50ª edición o vindeiro 10 de setembro. Trátase dunha cifra máxica que o Concello quere celebrar cunha alta participación -agárdase acadar os 400 palistas-, unha homenaxe aos fundadores e a todos aqueles que bateron algunha vez esta proba e cunha recopilación da cartelería que faga viaxar por este medio século de historia. A presentación da regata tivo lugar esta mañá de xoves, 1 de setembro, ás beiras do río Sil.

O edil de Deportes do Concello, Aurentino Alonso, foi o encargado de falar do evento. Estivo acompañado por varios padexeiros do Club Fluvial O Barco. Explicou que este ano quixeron aportar novidades xa dende o cartaz, apostando por un deseño “máis artístico” levado a cabo por un profesor de Belas Artes. E así, fusionando as Festas do Cristo co sentir da proba deportiva, buscan chamar a atención sobre o evento.

Pero o 50 aniversario non só se celebrará coa tradicional baixada dende Sobradelo até o Barco. O Concello tamén programa un acto para o venres día 9 ás 20:30 horas, no que se proxectará un vídeo recopilatorio de toda a información sobre esta proba que conta coa colaboración dalgúns dos promotores da iniciativa orixinal. “Convidamos a todos aqueles padexeiros que sexan do Barco e que nalgún momento participaron activamente no Descenso a que o día 9 se acheguen á Casa da Cultura para participar nese acto”, aproveitou para expoñer o edil. Nesta mesma liña tamén se indicou que se incluirá unha exposición da cartelería que durante estes anos ilustrou a proba.

Texto e foto: Sara Fontenla

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button