SanidadeÚltima hora

51 novos residentes completarán este ano a súa especialidade na área sanitaria ourensá

Será unha das promocións máis numerosas e con maior presenza feminina dos últimos anos con só un 15% de alumnos, segundo destaca Sanidade

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras deu hoxe a benvida aos cincuenta e un novos residentes que se formarán como especialistas nos seus centros docentes, nas diferentes disciplinas médicas (MIR) de enfermería (EIR), farmacia (FIR) e psicoloxía (PIR).

Esta promoción será unha das máis numerosas e con maior presenza feminina dos últimos anos, con só un 15% de alumnos, 8 de 51. Como en anos anteriores as especialidades con máis residentes son Medicina de Familia e Comunidade que, afortunadamente, cubre as 14 prazas ofertadas nun ano con máis de 200 vacantes a nivel nacional.

No eido hospitalario a especialidade de Anestesioloxía e Reanimación, suma catro novas MIR; tres Pediatría e Áreas Específicas e dous Medicina Interna, Psiquiatría e Radiodiagnóstico. No resto de disciplinas médicas incorporase un en Análises Clínicos, Cirurxía Xeral, Aparello Dixestivo, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Intensiva, Nefroloxía, Neumoloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía e Obstetricia e Xinecoloxía, ao igual que en Farmacia e Psicoloxía Clínica.

A formación especializada de enfermería chega este ano a un fito e suma dez novas residentes (EIR): Tres en Enfermería Familiar e Comunitaria, tres en Saúde Mental, e dúas, respectivamente, en Obstetricia e Xinecoloxía e Pediatría.

Os novos e novas residentes foron recibidos polo xerente, Félix Rubial, e polos seus titores e responsables directos de docencia: o presidente da Comisión de Docencia, Jesús García Mata, e a xefa de estudos da Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo.

Mais dun centenar de titores

O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao de ciencias da saúde, con mais de 40 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias, ás que se incorporou, en 1991, Medicina Familiar e Comunitaria. Crecendo progresivamente a oferta docente con máis especialidades médicas e de enfermería.

Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa formación, e coordinar súa formación teórico-práctica, é imprescindible a figura dos titores das distintas especialidades, vinteseis. Son máis dun centenar de profesionais comprometidos coa formación que asumen xunto coa asistencia.

O grupo máis numeroso son os titores e titoras de medicina e enfermería familiar e comunitaria, 63 profesionais médico e de enfermería repartidos nos centros de saúde docentes da provincia: En Ourense Valle Inclán, A Ponte, Novoa Santos-O Couto, A Cuña e A Carballeira, ademais dos de O Carballiño, Xinzo de Limia, Allariz e, este ano por vez primeira, Verín.

No acto celebrado esta mañá, os residentes recibiron súas acreditacións como especialistas en formación, así como un documento de acollida e unha guía rápida co itinerario básico, con información de primeira necesidade sobre pasos a seguir, e do Hospital Universitario de Ourense, nos que todos eles iniciarán súa formación.

A duración do período de formación dos novos residentes depende da especialidade elixida. Nas de enfermería de dous anos, farmacia e psicoloxía catro anos, e nas disciplinas médicas, catro na maioría dos casos salvo en cirurxía, traumatoloxía Medicina Interna, Medicina Intensiva e Oncoloxía onde se estende a cinco anos.

Artigos relacionados

Back to top button