ConcellosÚltima hora

O Mercado do Xurés porá en valor os produtos da zona este domingo 9 de abril en Bande

 

José Antonio Armada, Manuel Baltar e Chao Quintana.

O “Mercado Xurés”, no municipio de Bande, abrirá as súas portas o vindeiro domingo, 9 de abril, como un espazo de comercialización de produtos e servizos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Esta cita converténdose nun escaparate dos produtos gastronómicos e actividades de ocio e turismo desta contorna. A presentación do evento tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. No acto participaron o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; e a xerente de “Rural Consulting”, Chao Quintana.

O mercado situado “nun lugar emblemático da nosa xeografía vai acompañado de actividades divulgativas, de fomento de cooperativismo e de potenciación dos produtos propios, que converten a Bande nun referente na reivindicación do peso do rural e das singularidades das nosas materias primas”, sinalou o presidente da Deputación de Ourense.

O alcalde de Bande dixo que o Mercado do Xurés “é a porta de entrada ao Parque Natural e á comarca da Baixa Limia, a cal ten moito que ofrecer e a través deste mercado buscamos que teña máis visibilidade”. José Antonio Armada explicou que esta proposta comercial e promocional “é o inicio dunha xeira de mercados especializados que se van a celebrar cada primeiro domingo de mes, aínda que a oferta gastronómica do mercado, a oficina de información audiovisual e a tenda de produtos típicos, estará aberta permanentemente”.

Manuel Baltar destacou o labor que realiza o Concello de Bande con esta iniciativa, “que é un exemplo de aposta por revitalizar o rural sobre a base duns produtos agroalimentarios, turísticos e culturais para ofrecer a mellor versión da nosa provincia, a cal debemos difundir e promulgar”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button