OurenseÚltima hora

63 establecementos da provincia xa se adheriron ao programa para renovar os electrodomésticos

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, destacou que achegas poderán alcanzar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, e o 75% para os máis vulnerables

 

As persoas interesadas en acollerse ás axudas da Vicepresidencia económica da Xunta para renovar os electrodomésticos dos seus fogares poden presentar as súas solicitudes desde o pasado martes, 20 de abril. Así o explicaba o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, explicou na súa visita ao establecemento comercial Delflor Electrodomésticos da cidade de Ourense, adiantando que o prazo permanecerá aberto ata o 30 de setembro, salvo que antes esgótese o crédito deste programa, dotado con tres millóns de euros, coa previsión de chegar a 20.000 fogares galegos.

Gabriel Alén aclarou que o programa Renove Electrodomésticos está dirixido a persoas que queiran cambiar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lava vaixelas A, B ou C; ou cociña de indución total.

As achegas poderán alcanzar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral, e o 75% para os máis vulnerables, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros. Deste xeito, prestarase especial atención ás familias vulnerables. Cada beneficiario poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos.

As axudas foron convocadas en concorrencia non competitiva e as solicitudes tramitaranse a través de entidades colaboradoras, que poden seguir inscribíndose ata o 30 de xuño. O listado de establecementos adheridos por provincias e concellos pode consultarse na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no apartado Plan Renove Electrodomésticos 2021 ou na web https://appsinega.xunta.es/IN414B_2021/consulta/. Na provincia de Ourense hai inscritas 63 ata agora.

Artigos relacionados

Back to top button