68 obras de 26 países participarán no III Festival Internacional de Curtas de Verín

As actrices Nieves Rodríguez e Ledicia Sola serán as encargadas de conducir a gala de clausura o 8 de decembro

Presentación en rolda de prensa do III FIC Vía XIV de Verín.

Pouco máis dunha semana. É o que falta para que Verín se convirta, por terceiro ano consecutivo, no epicentro do sector audiovisual. Un total de 68 curtas de 26 países diferentes, escollidas entre as 1.261 recibidas pola organización, son as seleccionadas para participar na III edición do FIC Vía XIV, a máis alta nas tres edicións do concurso, que se celebrará entre o 1 e 9 de decembro.

A programación era presentada na mañá do 22 de novembro na Casa da Cultura de Verín polo alcalde, Gerardo Seoane e o tenente alcalde, Diego Lourenzo, xunto á concelleira de Cultura, Emilia Somoza, o responsable de creatividade, Jorge Godás e o director do festival, Carlos Montero. Foi precisamente este último quen se referiu á “elevadísima calidade de moitas das curtas seleccionadas para o concurso oficial, varias das cales veñen de recibir xa premios en festivais de renome como o de Berlín ou o de Toronto”. Xunto a isto, Montero destaca que nesta terceira edición, o festival afonda no seu obxectivo de internacionalizarse e no de consolidarse como un evento cultural de referencia na comarca.

Nesta mesma liña pronunciouse o rexedor verinés, poñendo en valor o labor da organización do Festival de Curtas, conformada por “persoas locais” que “demostran que desde a terra se pode por en marcha un evento destas características e manter unha liña” coherente. O alcalde tamén fixo fincapé en que este ano, máis que os anteriores, “o Festival pense nas familias e programe proxeccións de animación para os máis pequenos”.

O tenente alcalde da vila, pola súa banda, falou da intención do FIC (organizado conxuntamente polo Concello de Verín e a Asociación Cultural Vía XIV) de involucrar a toda a poboación de Verín no certame, para o que deseñaron unha completa axenda de actividades paralelas que incluirá relatorios, mesas redondas e debates sobre cinema; actividades interactivas; exposicións e unha ampla axenda de accións dirixida aos máis cativos.

Na presentación tamén avanzaron que as actrices Nieves Rodríguez e Ledicia Sola serán as encargadas de conducir a gala de clausura do festival, que se celebrará no Auditorio de Verín o 8 de decembro. Nese acto entregaranse os seis premios deste ano: un por cada categoría (Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova) ademais do de Mellor Curta e un premio especial do público.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies