OurenseÚltima hora

72 expertos de 12 países analizan en Expourense os desafíos do termalismo trala pandemia

O 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia e o 4º Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida inaugurábanse na mañá deste 15 de setembro

 

Desde hoxe e ata o vindeiro venres pola tarde, 72 expertos de 12 países (Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, España, Francia, Grecia, Italia, Portugal, Tailandia e Uruguai) analizarán os desafíos do termalismo na época post Covid tanto a nivel médico como turístico, no 2º Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia que se inauguraba na mañá deste mércores 15 de setembro, e que se celebra de forma conxunta co 4º Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida que organiza o Campus Auga da Universidade de Vigo. Dous eventos que están sendo seguidos de forma presencial desde o recinto feiral ou de forma virtual desde calquera parte do mundo por asistentes de 29 países.

O acto oficial de inauguración contou coa participación de representantes das distintas institucións que apoian Termatalia e traballan en prol do desenvolvemento do termalismo ourensán (a nivel local e provincia) e de Galicia en xeral. Todos eles destacaron a capacidade do termalismo para diversificar e desestacionalizar a oferta turística, fomentar o turismo interno e xerar riqueza nos concellos onde se asintan os establecementos termais que adoitan estar en contornas rurais.

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, durante a súa intervención.

 

O acto estivo dirixido polo director de Termatalia e director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, e nel participaron o Vicepresidente 1º e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o Presidente dá Deputación Provincial de Ourense e presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHTTA), Manuel Baltar; o Reitor Magnífico da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a Concelleira de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Flora Moure; o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense, Gabriel Alén; o Secretario executivo do Instituto de Promoción Turística dá Arxentina – INPROTUR, Ricardo Eslamiada; o Director da Cátedra de Hidrología Médica da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Gestal; o Alcalde do municipio termal de Santa Rosa do Cabal en Colombia, Rodrigo Toro, e o Director da Asociación Europea Quality in Health Prevention. Kurt Von Storch.

Con respecto á primeira xornada do congreso/simposio que estivo coordinada polo seu director, o Dr. Juan Gestal, xirou sobre dous temas: reivindicar os beneficios da balneoterapia na rehabilitación das secuelas post Covid-19 pola súa capacidade de reforzar o sistema inmune; e lembrar que os balnearios son centros sanitarios que poderían complementar e axudar ao Sistema Nacional de Saúde. Nel participaron ademais o presidente da Sociedade Española de Hidrología Médica, Dr. Francisco Maraver, e os directores médicos de distintos balnearios de España como Caldaria, Mondariz, Cuntis, Augas Santas ou Archena en Murcia. Tamén participaron, entre outros relatores, varios médicos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.

Os relatores desta xornada insistiron no papel que poden xogar os balnearios na recuperación tanto daqueles que padeceron o Covid-19 como dos que non xa que a pandemia e o confinamento afectaron a todo o Mundo.

Artigos relacionados

Back to top button