EducaciónSanidadeÚltima hora

O 76,8% dos rapaces de entre 14 e 18 anos consumen alcohol de xeito habitual

A xefatura territorial da Consellería de Sanidade en Ourense está a levar a cabo o programa “Condutas Aditivas” en 21 centros da provincia
María Villar, Marisol Díaz e Luz Fernández no CPI de Padrenda.

Segundo informan dende a Consellería de Sanidade, a idade de inicio nestas adiccións sitúase entre os trece e catorce anos, e salvo no caso do tabaco, os escolares non as perciben como nocivas para a saúde. Sen embargo, estanse a converter nun problema de saúde pública. Así, na última enquisa estatal sobre o uso de drogas en ensinanzas secundarias un 76,8% dos estudantes entre 14 e 18 anos afirman consumir de xeito habitual bebidas alcohólicas, 1 de cada 4 emborrachouse no último ano, máis dun 8,9 por cento son fumadores diarios e ata un 25,4% declaran ter consumido cannabis durante o último ano.

Tamén as redes sociais supoñen un risco, xa que recentes estudos reflicten que o 71,2 % dos alumnos de ESO utilizan Internet a diario e máis dun 13 por cento conéctase máis de 5 horas ao día, tempo que increméntase ata o 23 por cento na fin de semana. O nivel de risco de adicción é moderado, aínda que un 4% presentan signos manifestos de uso abusivo.

Por este motivo, o CPI de Padrenda arrancaba hoxe, 30 de outubro, unha nova edición do programa “Condutas Aditivas”, impartida polo persoal do servizo de Alertas Epidemolóxicas da xefatura territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, que ten como obxectivo informar aos adolescentes do risco para a saúde das condutas aditivas. Neste curso está prevista a participación dun total de 1.492 alumnos que cursan 1º e 3º da ESO en 21 centros da provincia.

O programa desenvolverase ao longo de dúas sesións e estrutúrase en dúas unidades didácticas. A dirixida ao alumnado de 1º da ESO trata as adiccións ás novas tecnoloxías, mentres que a que se imparte para os adolescentes que cursan 3º de ESO dedícase ao consumo de substancias aditivas. O seu desenvolvemento ten a intención de dar resposta ás demandas, tanto dos docentes como dos pais do alumnado, da necesidade de realizar labores de difusión e campañas preventivas sobre as adiccións nos adolescentes.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, acompañada da xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, María Villar, e da xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Luz Fernández, visitaron hoxe este centro para ver como transcorreu esta xornada de iniciación.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button