ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

800.000 euros de Medio Rural para o fomento do pastoreo no macizo central ourensán

A conselleira, Ángeles Vázquez visitou o concello de Chandrexa de Queixa que conta con 78 granxas de vacún de carne, 41 de ovino-cabrún e e 22 explotacións de porcino

Posibilitar a ordenación e posta en valor do pastoreo no macizo central ourensán, así como a mellora na loita contra os incendios forestais, é o obxectivo que persegue o plan específico que desenvolverá a Consellería de Medio Rural. Así o aseguraba a aconselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizaba na maña do 16 de marzo ao municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, onde mantivo unha xuntanza con gandeiros e con representantes municipais, entre eles o propio alcalde, Francisco Rodríguez, acompañada pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz. A titular de Medio Rural coñeceu tamén unha explotación de vacún de carne na parroquia da Espasa.

Segundo a conselleira, este plan de pastoreo aplicarase entre este ano e o vindeiro, empezando por realizar “unha radiografía da situación dos pastos, a estrutura e distribución do gando no monte e as necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc”, adiantan dende Medio Rural. A partir da análise pormenorizada levarase a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos, cos que se consensuará, en todo momento, a posta en marcha do plan. Ademais, está previsto redactar os correspondentes proxectos de execución de obras.

Durante a visita, na que tamén estivo presente o deputado popular Moisés Blanco, a conselleira salientou “que no ano 2016 houbo en Galicia un total de 126 incorporacións de mozos ao agro dentro da orientación produtiva de vacún de carne” que representan o 20,39% do total dos incorporados e “recibiron unha axuda global de 4,5 millóns de euros”. Segundo Ángeles Vázquez, estes datos dan idea “da importancia do sector na nosa comunidade, que ocupa o terceiro lugar de España en produción”. No caso concreto de Chandrexa de Queixa, o municipio conta, segundo os datos da Consellería, con 78 granxas de vacún de carne (1.914 animais); 41 de ovino-cabrún (1.469 reprodutoras); e 22 explotacións de porcino, cunha capacidade de 109 animais, sendo a maior parte delas para autoconsumo.

Artigos relacionados

Back to top button