Andainas-Trails-OrientaciónDeportesGalerías de fotosÚltima hora

A 12+1 Andaina Nocturna Os Mouchos do Barco reúne a unhas 110 persoas

A ruta, organizada polo Club Peña Trevinca Barco, tiña uns 8,5 km e chegaba ata a zona de Millarouso

 

Retando ao calor que aínda se notaba ás 23h. de onte, venres 15 de xullo, os 110 participantes da 12+1 Andaina Nocturna Os Mouchos, organizada polo Club Peña Trevinca Barco, tomaban a saída dende o Malecón do Barco en dirección a Viloira. Tras cruzar a pasarela peonil que cruza o río Sil dende o casco vello, enfiaban despois cara Coedo nunha ruta que chegaba a media altura entre Coedo e Alixo, á zona de Millarouso, o que lles permitía desfrutar dunha fermosas vistas do Barco.

Despois descendían ata completar un percorrido de 8,5 km e 300 metros de desnivel positivo que concluía en Viloira, onde se situaba o derradeiro control de paso desta proba. O último dos andaríns chegaba á meta ás 1:30h. dándose por concluída a esa hora a andaina.

 

 

Dende o Club Peña Trevinca Barco fan unha valoración moi positiva tanto da participación como do resultado desta edición. “Estamos moi contentos, nunha das zonas metimos un sendeiro técnico, pero a xente quedou encantada e marabillada coas vistas, de feito animábannos a que na vindeira edición subamos un pouco máis”, indican. Ademais dende o Peña Trevinca Barco amosan o seu agradecemento á Policía Local do Barco e a Protección Civil pola súa colaboración na organización desta andaina.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button