EconomíaEconomíaÚltima hora

A 2ª fase do Plan de Pastos de Galicia inclúe actuacións en Vilariño de Conso e na Veiga

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias supervisaba está mañá os traballos realizados en senllos pasteiros de Montederramo e Paderne de Allariz

 

A Xunta investirá preto de 1,2 millóns de euros para executar na provincia de Ourense case 530 hectáreas de pasteiros ao abeiro da segunda fase do Plan de pastos de Galicia, co obxectivo de aumentar a base territorial das explotacións e, ao tempo, avanzar na anticipación aos incendios forestais. Así o destacou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, que hoxe supervisou os traballos realizados no marco da primeira fase do Plan nos concellos de Montederramo e Paderne de Allariz.

En concreto, veñen de implantarse 22,06 hectáreas de pastos en Santiago da Medorra, en Montederramo, en terreos da Comunidade de montes veciñais en man común de Os Montes e Os Campos. Así, os labores consistiron en rozar a zona, preparala, aboala e sementala, incluíndo o acondicionamento necesario, así como a implantación de peches e a instalación de bebedoiros para o gando.

No caso do pasteiro de San Xillao de Figueiroá, en Paderne de Allariz, as tarefas leváronse a cabo nun total de 9,3 hectáreas do monte veciñal de Figueiroá e incluíron tamén a retirada de pedras do terreo e outros traballos como a construción dun galpón e dun depósito vertical con capacidade para 10.000 litros de auga.

 

 

Na visita, o director xeral destacou que na primeira fase do Plan de pastos de Galicia se investiu máis dun millón de euros na provincia de Ourense, para executar seis pastos noutros tantos concellos dunhas 170 hectáreas en total. Agora na segunda fase, engadiu, están programados 10 pasteiros nos concellos da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso, O Irixo e Bande, abranguendo case 530 hectáreas e un presuposto de case 1,2 millóns.

Como resumo, José Balseiros sinalou que o Plan de pastos recolle ata catro fases de execución, coas que está previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas en toda a comunidade, cun investimento global de arredor de 9,5 millóns de euros.
O obxectivo destes labores, recalcou, é promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Trátase, tamén, de anticiparse aos incendios forestais, xerando descontinuidades no terreo que funcionan de devasa natural fronte ao lume.

Artigos relacionados

Back to top button