DeportesEn portadaÚltima hora

A 33ª Milla do Barco reunía a preto de 300 participantes

Detrás da organización deste exitoso evento hai unhas 15 persoas ás que hai que sumar os membros do dispositivo de seguridade

Case unha hora antes da proba, o Paseo do Malecón do Barco xa estaba convertido nun circuíto de atletismo. Ultimábanse os detalles organizativos dunha proba que constitúe xa un auténtico referente das Festas do Cristo nesta vila e que se caracteriza por implicar a participación de veciños e visitantes de todas as idades nunha festa do atletismo que ao mesmo tempo conta cun cartel absoluto de luxo.

Ás seis en punto, coma sempre, do domingo 15 de setembro cobraba vida a 33ª Milla Urbana do Barco, que resultaba un auténtico. Reunía a uns 300 atletas que corrían en multitude categorías, dende pitufos/as (de menos de tres anos) ata veteranos de case oitenta nun percorrido ateigado de público. Un evento posible grazas ao esforzo e ilusión dun equipo dunhas 15 persoas (entre persoal federativo e voluntarios), coordinadas por Agustín González e co apoio do Concello do Barco e contando cun dispositivo de seguridade formado pola Policía Local, GES Valdeorras, Protección Civil, Ambulancias Sil e Garda Civil.

A proba iniciábase ás seis da tarde coa saída das carreiras dos atletas Sub10 (268 m) masculino e feminino, logo viñan os Sub14, Sub16. E a distancia da ía mudando en función das categorías ata chegar aos Sub20/Sub18 masculino que corrían xa a distancia da Milla (16.09 m).

 

Nassim Hassaous chegando a meta, seguido de Sergio Jiménez, mentres un dos xuíces controla o tempo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Especialmente concurridas resultaban as probas populares e máster. E xa ás 19.50h. daba comezo unha das citas estrela da Milla: a carreira absoluta masculina, con 12 atletas en liza, entre os que non había representación valdeorresa. O título finalmente era para Nassim Hassaous (Añares Rioja) que vencía por tan só un segundo a Sergio Jiménez (Playas de Castellón). O mellor resultado ourensán viña da man de Alejandro Fernández (Ourense Atletismo), que foi sexto.

O broche de ouro da competición poñíao a carreira feminina na que Solange Pereira (Valencia) sumaba a súa décima vitoria no Barco. En quinta posición quedaba Susana Arrúa (Adas), mentres que Sandra Mosquera era oitava.

 

Atletas da carreira absoluta feminina, entre as que estaba a valdeorresa Inés Docampo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A pé de circuíto e controlando cada detalle para que todo saíse ben e conforme a normativa estaban un equipo de oito xuíces (dous do Barco, tres de Ourense e tres de Coruña), máis o delegado técnico da Real Federación Española de Atlético (xa que esta proba de ruta está no calendario nacional) e o xuíz árbitro.

Rozando as nove da tarde a 33ª Milla do Barco, que tamén amosaba o seu lado máis solidario colaborando coa II Carreira das Cidades de Vilamartín, entraba na súa recta final coa entrega de premios nas diferentes categorías, comezando pola absoluta.

E tras ese acto finalizaba a proba, pero non o labor da organización, xa que tocaba recoller e volver a converter o Malecón nun paseo, despois deste evento que, un ano máis contaba coa asistencia do presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA).

Esta exitosa 33ª Milla Urbana “Festas do Cristo 2019” ten sido organizada polo Club Adas-Proinor, a Federación Galega de Atletismo e a Delegación Valdeorresa desta mesma federación, coa colaboración do Concello do Barco.

Fotos: A.R.

Máis información e fotos:
https://osil.info/solange-pereira-e-nassim-hassaous-ganadores-absolutos-da-xxxiii-milla-do-barco/

Artigos relacionados

Back to top button