OurenseÚltima hora

A 35ª edición do “Día da Bici” reunirá en Ourense a centos de ciclistas de todas as idades

O evento deportivo familiar máis multitudinario da capital ourensá celebrarase o vindeiro 22 de setembro, ás 12 horas

Presentación do Día da Bici en Ourense.

 

O vindeiro 22 de setembro, as rúas de Ourense encheranse de deporte, saúde e concienciación viaria coa celebración do “Día da Bici”. Un evento que chega á 35ª edición “desde que en 1984 botara a andar esta manifestación festiva e reivindicativa de concienciación social sobre o uso da bicicleta e o respecto ao ciclista”, expresou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación, celebrado na mañá do 12 de setembro no Pazo Provincial.

O evento deportivo familiar máis multitudinario da capital ourensá comezará ás 12 horas con saída na Alameda , co habitual percorrido polas rúas da capital ourensá: Marcelo Macías, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Don Bosco e Progreso, para rematar novamente na Alameda. As inscricións poden realizarse na carpa situada na rúa do Paseo ou en Ciclos Moure, e, como cada ano, haberá entre os inscritos sorteos de material deportivo e de xamóns de bodega de Coren.

A presentación contou tamén coa participación do presidente da Fundación Ado Moure, Carlos Moure; do concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede; e do coordinador de Deporte Escolar da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; entre outros. No acto, Carlos Moure salientou que o Día da Bici “sempre é unha festa para os nenos e as súas familias, xa que sen eles e sen o apoio das administracións e patrocinadores non sería posible, pero tamén é un día para seguir facendo un chamamento á concienciación polo respecto ao ciclista, un debate que debe estar presente nos medios de comunicación e en toda a sociedade”, destacou, engadindo que hai que facer máis pola prevención, a sensibilización e a atención ás vítimas de accidentes viarios”.

Artigos relacionados

Back to top button