CulturaCulturaÚltima hora

A 36 MIT de Ribadavia comeza a súa última fin de semana

Rematará o luns, 27 de xullo, coa entrega de diversos premios

A 36ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia comeza a súa última fin de semana coa presentación dunha retrospectiva sobre o dramaturgo e director Pablo Remón con dous dos seus últimos espectáculos, producidos por Teatro Kamikaze, que poderán verse o sábado 25 (Doña Rosita anotada) e o domingo 26 (Sueños y visiones de Rodrigo Rato), ás 23.00 h, no Auditorio do Castelo.

Pola súa banda, o colectivo Azkona&Toloza acercará, a noite do venres 24, ás 23.00 h, a súa celebrada montaxe Tierras del Sud, unha impactante peza visual e documental que aborda a barbarie do colonialismo contemporáneo.

 

 

Esta fin de semana, o público poderá gozar, así mesmo, dos espectáculos de rúa Copyleft, de Nicanor de Elia, Pink Unicorns, da Macana, e Distans, da compañía Vol’e Temps, dentro do ciclo Ruadavia, na Alameda.

Finalmente, o luns 27 de xullo, ás 12.00 h, terá lugar o acto de entrega do Premio Abrente, ademais dun encontro coa Asociación DramaturGA e o anuncio do espectáculo gañador do Premio do Público nesta 36ª edición da MIT, que se pode votar a través da web oficial do festival www.mitribadavia.gal.

 

 

Este 2020, baixo o lema ‘Ao descuberto: liberdade, creatividade e diversidade’, a MIT ofreceu ao público un total de 24 espectáculos e actividades paralelas como presentacións de libros e talleres ao aire libre en máis dunha decena de espazos, como o Auditorio do Castelo, con nomes destacados como Teatro en Vilo ou Nova Galega de Danza e representacións de espectáculos como Fariña, Liberto ou Rebota, rebota y en tu cara explota.

No apartado das coproducións, a MIT presentará o sábado 26 de madrugada, á 01.00 h, o espectáculo Melancoholemia, escrito por Antón Reixa, que compartirá táboas con Pedro Brandariz, baixo a dirección do director vasco Fernando Bernués, de Tanttaka Teatro.

 

 

Como peche do festival, a xornada do luns 27 de xullo estará adicada en exclusiva á dramaturxia galega con motivo da 15ª edición do Premio Abrente. Ademais de anunciar os premios desta nova edición (ás 12.00 h.), este día celebrarase un encontro dinamizado pola Asociación DramaturGA, coa que a MIT “emprenderá futuras colaboracións para seguir visibilizando e apoiando a innovación da escritura teatral galega actual”.

Fotos: MIT Ribadavia.

Artigos relacionados

Back to top button