EconomíaEconomíaÚltima hora

A 45 Festa da Bica de Trives quenta motores

O director do IES Xermán Ancochea Francisco García, será o pregoeiro da cita gastronómica que se celebrará o 28 de xullo
Bica de Trives./ Foto: Concello de Trives.

A Pobra de Trives está inmersa nun verán cargado de actividades deportivas, lúdicas e culturais, e un dos pratos fortes do programa, a Festa da Bica coa que o Concello promociona o seu doce tradicional, vai xa quentando motores.

Celebrarase na fin de semana do 28 e 29, coma sempre “intentando facelo dándolle toda a importancia da que se merece”, aseguran dende o Concello, cunha completa programación. O día grande será o sábado e xa a partires das 12 un mercado de artesanía da A.C.Tarabelada e diversos artesáns e productores da comarca darán inicio a unha xornada cargada de festexos, cun stand con “bicas de todos os elaboradores presente ao largo do día para que todo o público poida degustar e mercar o homenaxeado produto”. Ás 12:30h. dende a praza do Concello dará comezo o desfile de Bandas de Gaitas polas rúas de Trives ata a praza de Abastos.

Achegándonos á hora do xantar, ás 13:30h. terá lugar na praza de Abastos o pregón, que este ano correrá a cargo dun veciño da vila, o historiador e director do IES Xermán Ancochea Quevedo, Francisco García Sánchez. O xantar da Festa da Bica degustarase este ano na rúa San Martín, en torno ás 14h. cun menú composto por empanada, “pulpo á feira”, carne ao caldeiro, viño, bica e licor café. A Banda de Gaitas Os Trintas de Trives e a Charanga Nova Terras de Trives amenizarán o xantar.

 

Asistentes á pasada edición do xantar./Foto: Carlos G. Hervella.

As entradas para asistir a esta cita gastronómica estarán a venda en varios puntos (Oficina de Turismo, Cafetería Sky, Cafetería Troula, Cafetería San Martín, Cafetería Cafeto, Cafetería Quintela…) cun prezo de 10 euros para nenos de 3 e 10 anos, e de 18 euros dende os 11 anos en adiante.

Xa ao remate do xantar e como novidade deste ano entregaránse os premios “Bica de Ouro”, galardóns outorgados polo Concello da Pobra de Trives como “recoñecemento a persoas ou entidades pola súa contibución na posta en valor do noso concello así como da súa divulgación, potenciación e promoción en sectores coma o económico, cultural, deportivo, turístico e patrimonial entre outros”. A Charanga Nova Terras de Trives pechará os festexos do día.

Ademais, o domingo día 29 de xullo, o Concello da Pobra de Trives tamén estará presente no IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que se celebrará na Estación de Montaña Manzaneda, cun stand con degustación e venda de bica, en representación de todos os que a elaboran en Trives.

 

Cartel da 45 Festa da Bica de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button