EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A 58 Feira do Viño do Ribeiro presenta a súa programación

A mostra, que terá un formato mixto, desenvolverase os días 28, 29 e 30 de maio

Imaxe: FVR.

 

A organización da Feira do Viño do Ribeiro (FVR), en mans do Concello de Ribadavia e do CRDO Ribeiro, vén de presentar o programa de actividades que terán lugar a vindeira fin de semana do mes de maio, os días 28, 29 e 30 de maio de 2021. “Este ano, debido á situación Covid, a principal novidade será a celebración da FVR nun formato mixto, no que se combinará un completo e variado programa de actividades presencias con aforo reducido e controlado, cunha aplicación de internet na que se terá toda a información tanto das adegas e colleiteiros participantes como da programación”, asegura a organzación.

A APP estará dispoñible na seguinte ligazón: https://app.feiravinoribeiro.com/login e a programación poderase consultar na web do evento: https://feiravinoribeiro.com/
Entre as actividades presenciais destacan a cata a cegas, na que cada persoa participante catará “a cegas” (é dicir, sen ver a marca do viño) un lote composto por 15 viños.

Hai dous lotes distintos e cada un deles constará de 10 viños brancos e 5 viños tintos, de adegas e colleiteiros. Cando remate a cata, entregaráselle o listado de marcas degustadas. Á saída da cata, visitará a tenda onde, se así o desexa, poderá mercar os viños que máis lle gustaron. Tamén se contará cos sumilleres Sonia Molero (Uvepositivo.com) e Marcos Eiré (do restaurante Árbore da Veira, de A Coruña, que conta con unha Estrela Michelín) para impartir as catas nas que participarán un total de 27 adegas e colleiteiros.

Como novidade, nesta edición Willy Gómez (do Moon 93 Bar&Cocktail de O Carballiño), campeón de España e subcampeón de Europa de coctelería na modalidade “skill”, impartirá un obradoiro de coctelería con viños do Ribeiro.

Para os amantes dos xogos de escapismo chega o “Ribeiro Escape”, unha versión de escape hall especialmente adaptada ao viño do Ribeiro e na que os participantes deberán resolver os enigmas que se lle poñan durante a proba para chegar ao final da partida.

O sábado será o día escollido para que a actriz Iria Sobrado leve a cabo unha “performance” moi especial co seu espectáculo “Brinde”, no que con un só espectador e durante dez minutos vivirá unha conexión única e directa. Cando caia a noite sobre Ribadavia, proxectarase sobre a fachada do Castelo un espectáculo de Videomapping. Cada noite as proxeccións serán diferentes e prometen ser moi especiais e espectaculares.

Finalmente, a programación complétase con conferencias, relatorios e mesas de debate, así como obradoiros de maxia e globoflexia para os máis cativos, Sons do Viño, e visitas guiadas ao Museo do Viño de Galicia, ao Castelo de Ribadavia e tamén se poderá visitar a botella xigante da FVR na Alameda. Varias destas accións serán retransmitidas a través da aplicación para que calquera persoa, independentemente do lugar do mundo no que se atope, poda seguir e coñecer o que se leva a cabo na FVR.

A organización pretende ser pioneira, unha vez máis, dentro dos eventos enoturísticos e gastronómicos, ao lanzar esta aplicación e empregar as novas tecnoloxías para dinamizar a Feira do Viño do Ribeiro e tratar de poñer en valor o traballo e o viño das adegas e colleiteiros do Ribeiro.

Tanto o Concello de Ribadavia como o CRDO Ribeiro fixeron un esforzo grande nesta edición, cun meticuloso protocolo de actuación para cumprir as medidas sanitarias e de seguridade esixidas polas autoridades competentes. Todos os acesos e aforos das actividades presenciais estarán controlados, sinalizados e debidamente revisados e desinfectados.

O pregón da presente edición correrá a cargo de José Ramón Estévez, historiador de Ribadavia e persoa moi vencellada á investigación e a promover a cultura no Ribeiro.

Artigos relacionados

Back to top button