En portadaSanidadeÚltima hora

A 9ª Semana da Lactación Materna do Barco, do 3 ao 9 de outubro

Esta iniciativa, promovida por de Nai a Nai, incluirá actividades como un obradoiro infantil, unha conferencia e curso para profesionais

Publicidade

 

Logo dunha paréntese dun ano, debido á situación sanitaria derivada do Covid-19, a Asociación De Nai a Nai retoma a celebración da Semana da Lactación Materna do Barco de Valdeorras, que neste 2021 acada xa a súa novena edición. “Aínda que a Semana Mundial da Lactación Materna celébrase a principios de agosto, na maioría de países europeos celebrámola en outubro, cando xa terminou o período vacacional. Máis de 120 países celébrana. Decidiuse ademais estas datas, coincidindo coa semana 41 do ano, como símbolo da duración media dun embarazo a termo. O embarazo terminaría e comezaría o período de lactación”, explican dende esta entidade, que preside Lorena Prada.

O lema deste ano é “Protexer a lactación materna. Un compromiso de todos/ as!”  e foi elixido, como todos os anos, por WABA (World Alliance for Breastfeeding Action). De Nai a Nai ten organizado para o vindeiro mes de outubro, en concreto entre o 3 e 9 de outubro, varias actividades (de carácter gratuíto) arredor desta celebración. A primeira das proposts é un taller sensorial, cuxa temática é o outono. Nela, a coordinadora de crianza da asociación, Silvia Arias, propuxo un taller realizado con materiais recolleitos na nosa contorna natural, sempre sen danalo, con elementos como follas caídas, ramas secas, pedras, etc. Nesta actividade, os máis pequenos experimentarán coas distintas texturas e formas que nos brinda a natureza, á vez que aproveitarán para realizar pequenas obras de arte aproveitando estes recursos. Para este taller requírese inscrición previa. Faranse dúas sesións con grupos reducidos de nenos (máis información e inscricións no 697538505).

 

Lorena Prada nunha actividade formativa impartida anteriormente por De Nai a Nai./ Foto: A.R.

 

A segunda actividade será unha xornada sobre lactación materna e a volta ao traballo, “Lactación e traballo. Un reto asumible…sempre?” e correrá a cargo de Lorena Prada, IBCLC e membro da Comisión de Conciliación, Igualdade e Lactación de Fedalma. “Realizarase unha breve exposición dos problemas máis comúns aos que se enfrontan as nais lactantes cando regresan ao seu posto de traballo, así como unha reflexión sobre as carencias da lexislación actual en materia de conciliación laboral e de protección da maternidade”, adianta Lorena Prada. Tras a exposición, establecerase un tempo de coloquio para que as/vos asistentes poidan resolver as súas dúbidas ou expoñer a súa problemática concreta. Para esta xornada tamén será necesaria inscrición previa (máis información e inscricións no 629471830).

A última actividade é o curso “Lactación Materna para profesionais sanitarios, teórico – práctico, Nivel I”. Este curso desenvolverase coa colaboración do Concello do Barco de Valdeorras. É un curso organizado por De Nai a Nai, con axuda de María Elisa Lamelas, matrona do Hospital Público de Valdeorras. “As prazas xa están cubertas e hai lista de reserva, para un curso moi necesario, xa que as novas familias que acoden á nosa asociación, continúan expoñendo a falta de consenso entre os profesionais sanitarios sobre a lactación materna”, sinalan dende a asociación.

Artigos relacionados

Back to top button