ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A A.C. The Tetas’Van pon música á celebración do Día da Muller no Barco

Actuaba na praza do Concello do Barco na tarde do 6 de marzo tras a lectura dun manifesto

Coa intervención dunha alumna do IES Lauro Olmo, Mila, iniciábase ás 20:30h. tarde do 6 de marzo na praza do Concello do Barco un acto público para celebrar o Día Internacional da Muller. Deseguido, o concelleiro de Igualdade, Orlando Saavedra, daba paso á lectura dun manifesto institucional (apoiado polos catro grupos políticos municipais: PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá) por parte da concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray.

“Xeracións de mulleres loitaron con coraxe e determinación pola liberdade. Unha liberdade que hoxe, grazas a elas, é un patrimonio colectivo ao que non debemos desistir nin dar ningún paso atrás, este Concello seguirá facéndoo todos os días”, aseguraba a declaración.

Na súa intervención tamén destacaba que “dende este Concello reafirmamos o noso compromiso coa erradicación da violencia de xénero, o fin da precariedade laboral e a fenda salarial, a defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e a abolición da prostitución e o tráfico de seres humanos con fins de explotación sexual. Queremos unha sociedade conxunta e participativa na que as mulleres ocupen o seu lugar xusto, unha sociedade que trate ás mulleres como persoas libres e adultas capaces de tomar as súas propias decisións”.

Deseguido actuaba, na mesma praza, a Asociación Cultural Musical The Tetas’Van.

Artigos relacionados

Back to top button