EconomíaEconomíaÚltima hora

A AC RíoMola inicia unha campaña para fixar en sábado a feira mensual de San Xoán de Río

Actualmente a feira é o día 30 de cada mes e no 2019 só tres coinciden a fin de semana
Cartel da campaña.

Dende a Asociación Cultural RíoMola pensan que é tempo de “actualizar a función da feira no concello de San Xoán de Río”. Por iso, veñen de poñer en marcha unha campaña para mudar a data, do actual día 30 a un sábado fixo ao mes.

“A feira antigamente era un día de traballo, onde a xente vendía e compraba tanto gando coma produtos agrícolas”, din dende a asociación, conscientes de que agora mudaron estas tradicións e actualmente o de feira é un día de compras, ocio e gastronomía. “Hoxe imos ás feiras a mercar, son os nosos centros comerciais. Ademáis imos por ocio, tomar algo, saudar a xente e moitas veces por gastronomía, é o noso día de comer o pulpo”, din. Con todo, aseguran que hai un pequeno problema “de luns a venres a maior parte da xente estuda ou traballa e no noso pobo, moitos de nós estamos fóra”.

En 2019, só 3 das 12 feiras coinciden a fin de semana (sábado ou domingo) algo que dende a AC RíoMola gustaríalles cambiar para conseguir aumentar a afluencia de público e polo tanto as ganancias do comercio de San Xoán de Río. Con esta iniciativa tamén pretenden animar a pequenos produtores e xente de Río para que monten postos na feira e vendan o excedente dos seus produtos: mel, embutidos, patacas, castañas,… e “intentar facer con isto un reclamo para que a xente de fóra veña mercar os productos á feira de Río para encher a sua despensa na cidade”. Ademais dende a asociación “intentaremos organizar o sábado da feira actividades (musicais, teatrais, deportivas,…) para o desfrute de todos os asistentes”, conclúen.

Artigos relacionados

Back to top button