ConcellosÚltima hora

A AC RíoMola solicita ao Concello de San Xoán de Río axudas directas para as festas parroquiais

Formarían parte dos presupostos para o 2019 e comezarían a aplicarse nese mesmo ano
Festas de San Xoán 2018./ Foto: AC RíoMola.

A Asociación Cultural RíoMola ven de rexistrar no Concello unha petición para que o Goberno de San Xoán de Río someta a votación, no seguinte pleno, a creación de axudas directas para que todas as parroquias/a ldeas de San Xoán de Río que decidan organizar festas, cubran os gastos básicos (seguro de responsabilidade civil, SGAE, etc). Estas axudas formarían parte dos presupostos para o 2019 e comezarían a aplicarse no vindeiro ano.

Vemos con tristeza como moitas aldeas do concello deixan de organizar as súas festas, coma San Xurxo, Castrelo, Mouruás, Cerdeira, etc, moitas veces por falta de xente que leve a iniciativa, outras polo incremento de trabas e prezos de partida para a organización de calquera evento festivo como son a contratación dun seguro de RC, o pago das SGAE, permisos municipais, etc. Dende a Asociación califican esto como unha gran perda xa non para esas aldeas, senón para todos os habitantes e comercios do concello, dado que o retorno económico de calquera festa sobre os negocios de San Xoán de Río e da súa comarca son moi positivos.

Polo tanto dende a AC RíoMola solicítase ao Concello a aprobación de  axudas directas no vindeiro pleno e aproveitar o vindeiro mes de agosto, mes que mais veciños ten San Xoán de Río, para que cada parroquia/ aldea poida auto organizarse para volver ter as súas festas no 2019 ou para que as que as manteñen, esta axuda lles permita melloralas un pouco máis.

Por outra banda, dende a AC RíoMola póñense a disposición de todas as comisións de festas que existan ou xurdan nas parroquias/ aldeas que o desexen, para axudarlles a organizar as súas festas. Tanto a nivel de papeleo, como de formas de recadación e contactos, incluso, no caso de ser necesario, aportando unha cantidade económica e montando o bar da festa.

Con esta medida, RíoMola, ademais de intentar darlle a volta á situación nas parroquias, pretende que as súas actividades, centradas ata o de agora na capital da localidade, poidan chegar a todos os recunchos do municipio.

As sementes están botadas, só fai falta coidar o terreo para que o vindeiro ano florezan as festas nas parroquias de San Xoán de Río. Agora queda, por unha banda ver a postura dos 7 concelleiros municipais á hora de votar esta iniciativa, e a posteriori ver a resposta dos habitantes das aldeas este vindeiro agosto e as súas ganas de auto organizarse e traballar polo ben común.

Texto: Xosé Miguel Pérez Blecua.

Artigos relacionados

Back to top button