OurenseÚltima hora

A actriz Lucía Álvarez, de Mouruás (Río), presentará a gala de clausura do 25 OUFF

Nesta cerimonia de entrega de premios, que terá lugar na tarde do sábado no Auditorio de Ourense, estará acompañada no escenario por Sergio Pazos

A actriz Lucía Álvarez, na gala inaugural do 25 OUFF./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Hai unha semana acudía por vez primeira ao Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Moi emocionada, a actriz Lucía Álvarez (Mouruás, San Xoán de Río), subíase ao escenario do Auditorio de Ourense durante a gala inaugural desta mostra para presentar a súa primeira curtametraxe, “Amanezca”, con música orixinal da pianista Rosa Torres-Pardo.

A ese mesmo escenario volverá a subirse mañá, 3 de outubro, pero xa como presentadora (xunto a Sergio Pazos) da gala de clausura do 25 OUFF na que se entregarán os premios desta edición. “Faime moita ilusión que conten comigo e que se acorden dunha na casa. Esta é unha maneira de poder fomar parte do festival, de sentirte parte da cidade, de poder volver a casa a traballar e de levar Ourense e a cultura máis lonxe. Gústame moito poder participar na cultura nosa, ser parte e partícipe”, comenta con satisfacción esta actriz.

Agradece á organización do festival que teñan pensado nela para esta gala. “É unha maneira de apostar polo noso e de que os que saimos fóra a traballar poidamos tamén volver a casa, porque ao final estás desexando que che saian cousas aquí, poder estar e vivilo, e tamén axudar, apoiar e compartir”, resalta.

Así a partir das 20:30h. do sábado Lucía Álvarez subirase ao escenario vestida co deseño dun modisto trivés, Adolfo Domínguez, nunha gala con guión de Ángel de la Cruz. E farao ademais co bo sabor de boca que lle deixou a acollida da estrea de “Amanezca”.

“A estrea resultoume impresionante por dous motivos. Eu xa coñecía ese auditorio, onde representei “Mariana”, e velo tan baleiro, con tanto panel en branco polas restricións, era moi impresionante. Só había 60 persoas. Aínda así, daba moita alegría saber que pese a todo podiamos seguir mostrando os traballos e seguir desfrutando da cultura. E, por outra banda, foi moi impresionante porque a curta non se vira en pantalla grande, non lla amosara a ninguén que non fóra do equipo, e a verdade é que ao principio estaba moi nerviosa, pero observei que a xente non pestanexou e ¡iso foi bonito! Resultou ben e estamos moi contentos”, confesa.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button