OurenseÚltima hora

A actriz Lucía Álvarez, natural de Río, encarna a Mariana Pineda na súa última obra teatral

Esta función, dirixida por David Ojeda, representarase na cidade de Ourense o venres 15 de marzo ás 20:30h.

 

 

A actriz Lucía Álvarez./ Foto: Verónica Dávila.

No seu último proxecto teatral, a actriz Lucía Álvarez (natural de Mouruás, San Xoán de Río) métese na pel de Mariana Pineda. E faino nunha montaxe dirixida por Davide Ojeda, quen se apoia nun dos primeiros textos de José Ramón Fernández.

Da man da compañía Palmyra, esta obra, titulada “Mariana”, representarase o vindeiro 15 de marzo sobre o escenario do Auditorio de Ourense a partires das 20:30h. A peza “asume varios propósitos fundamentais para a compañía: atender a actualidade e ao contexto social, favorecer a inclusión de persoas con discapacidade nos espectáculos, valorar a accesibilidade do espectáculo como unha pauta innovadora no panorama escénico nacional e internacional e apostar por dar recoñecemento a un personaxe histórico que sufriu o ocultamento do seu labor, das súas ideas e da súa loita polos dereitos como muller e persoa”, indican dende Palmyra.

Este será un dos papeis máis esixentes para Lucía Álvarez, que ten participado en diversas series de televisión como “O sabor das margaridas” (na televisión galega), “Vivir sin permiso” (Telecinco), “Centro Médico” ou “Cuéntame como pasó” (TVE), entre outras. No cinema estivo en filmes como “Dioses y perros” e tamén conta con experiencia teatral en proxectos como “TRE-MENDAS”.

A estrea de “Mariana” enmárcase no programa de actos organizado pola Concellería de Igualdade de Ourense con motivo do 8 de marzo.

Artigos relacionados

Back to top button