CulturaCulturaÚltima hora

A actriz Lucía Álvarez, natural de Río, interpretará “Mariana” en Trives

Esta obra de teatro, con texto de José Ramón Fernández e baixo a dirección de David Ojeda, representarase no Auditorio Julio Vázquez os días 18 e 19 de agosto ás 20:30h.
Lucía Álvarez interpretando “Mariana”./ Fotos: Verónica Dávila.

 

Máis alá dun símbolo, a granadina Mariana Pineda foi “unha muller de carne e oso, coma min, que tiña as súas dúbidas, que se namoraba, sufría, que ría, que tiña dous fillos, unha vida… A heroína é a que se fai despois da morte. A de Mariana é a nosa historia, a historia das mulleres ao longo do tempo”. A actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), refírese deste xeito ao personaxe histórico que encarna nun dos seus últimos proxectos teatrais “Mariana”.

Trátase dunha montaxe dirixida por David Ojeda, quen se apoia nun dos primeiros textos de José Ramón Fernández. Da man da compañía Palmyra, esta obra chegará a Trives os días 18 e 19 de agosto. Representarase ás 20:30h. sobre o escenario do Auditorio Julio Vázquez.

O de Mariana ten resultado un dos papeis máis esixentes para Lucía Álvarez, que combina o seu traballo en diversas series de televisión como O sabor das margaridas (na televisión galega), Vivir sin permiso (Telecinco), Centro Médico ou Cuéntame como pasó (TVE), entre outras; co cinema e co teatro.

 

 

“O personaxe foise facendo aos poucos e cun traballo moi artesanal e, pola miña banda, lanceime á piscina e deixeime a pel con el. Documenteime incansablemente e agora son unha viciosa absoluta do relativo a Mariana, leo todo o que cae nas miñas mans sobre ela, véexo todo, investigo todo… Penso que xa a coñezo bastante ben e descubrín que ela habitaba en min moito antes de eu sabelo, hai algo dela que estaba aquí e que saiu agora… Creo que habita un pouco en todas nós”, confesa a actriz.

Ademais defende o carácter moderno desta muller, que viviu no século XIX. “Segue sendo tremendamente actual porque hai unha cousa moi acertada que David marca moito nesta montaxe, que é como ás mulleres non se nos escoitou ao longo da historia, como nós falamos, e nos expresamos e pedimos explicarnos e non se nos escoitou”.

Para descubrir a esta Mariana, nada mellor que asistir a esta función teatral en Trives. As entradas da obra, cun prezo de 10 euros, poden adquirirse na Librería Estampero, Librería Mi Libro, na Oficina de Turismo de Trives e tamén na billeteira do auditorio de Trives ata unha hora antes do espectáculo. Esta representación teatral é ademais accesible para persoas con discapacidade sensorial e cognitiva.

Artigos relacionados

Back to top button