EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A adega Godeval, galardoada co Premio á Exportación José Manuel Pérez Canal

Esta distinción, que outorga a CEO, entregábase esta mañá na sede desta organización empresarial ourensá

 

Por segundo ano consecutivo, e en memoria do que fose presidente da CEO José Manuel Pérez Canal (falecido hai xa dous anos), a Confederación Empresarial de Ourense vén de facer entrega neste 16 de decembro do Premio á Exportación que leva o seu nome a unha empresa da provincia que destaca neste ámbito. Neste caso recollía esta distinción a adega barquense Godeval, con sede en Xagoaza e pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras, representada por José Luis Bartolmé, que acudía acompañado da súa esposa.

Desta maneira, a Confederación quere brindar un recoñecemento dobre, “en primeiro lugar, ao que fose presidente da entidade durante algo máis de 5 anos perpetuando o seu legado e traballo en beneficio do sector empresarial e, en segundo lugar, ás empresas que traballan para levar os produtos ourensáns por todo o mundo e que contan cunha destacada presenza e traxectoria no exterior”, tal e como indicaba a CEO, Marisol Nóvoa.

Así, a entrega do premio tiña lugar no patio da CEO coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Innovación, o vicepresidente da Deputación, o delegado da Xunta en Ourense, membros da familia Pérez Canal, da xunta directiva da CEO e, por suposto, a representante da empresa gañadora este ano.

“Godeval é unha destas empresas que traballa para levar os produtos ourensáns por todo o mundo e que conta cunha destacada presenza e traxectoria no exterior. Por este motivo é merecedora do premio, pero tamén pola súa implicación e colaboración en todas as actividades que desde o departamento de Promoción Exterior da CEO perseguen esta expansión internacional dos produtos e as empresas ourensás”, sinalaba a presidenta da CEO.

Tanto Marisol Nóvoa como os representantes da Xunta, Deputación e a familia Pérez Canal, interviñeron antes da entrega do premio, coincidindo todos na felicitación á empresa vitivinícola polos seus méritos. A presidenta da Confederación, pola súa banda, agradeceu tamén a cada un deles a súa presenza, do mesmo xeito que a colaboración en todas as actividades que a CEO leva a cabo en proxectos de internacionalización, como Exportou ou o programa Ecicii Plus. Ademais, Nóvoa aproveitou a presenza das autoridades para facer un chamamento á continuidade desta colaboración para poder seguir facendo fronte ás consecuencias da crise ocasionada pola pandemia, así como o fomento e o investimento en áreas para conseguir esa competitividade nas empresas que marcará a diferenza tras a superación desta crise, “necesitamos o voso empuxe para poder continuar con este e outros proxectos que axuden ás empresas neste campo da exportación, pero tamén noutros como formación, dixitalización, innovación, e calquera outro ámbito que repercuta en mellorar a competitividade das nosas empresas”.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalaba durante o acto que seguir apostando pola internacionalización é unha das claves que axudará a reactivar canto antes a economía galega.

Conde fixo fincapé en que a Xunta quere estar ao lado do tecido empresarial cun dobre obxectivo: mitigar o impacto da crise e sentar as bases da recuperación. Neste ámbito, o vicepresidente económico lembrou que no pasado mes de setembro Galicia foi a comunidade que experimentou un maior incremento nas súas exportacións, cun 21,5% máis que no mesmo período do ano anterior.

 

 

Ademais o conselleiro lembrou a traxectoria do que fora presidente da CEO ao que se lle rende homenaxe con este certame, sinalou que o compromiso coa calidade está sempre detrás do éxito das empresas galegas nos mercados exteriores, como no caso da compañía gañadora do premio entregado hoxe, Bodegas Godeval (O Barco de Valdeorras). Os produtos desta empresa están presentes na actualidade nunha ducia de países de todo o mundo, e a exportación supón entre o 20% e o 25% da súa facturación.

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, puxo o foco na importancia deste premio para facer marca Ourense e promover os produtos da provincia fóra das nosas fronteiras. Tras felicitar a Godeval, destacou igualmente a tarefa da Confederación organizando e poñendo en marcha iniciativas que axudan a esta internacionalización, e comprometeu a cooperación da Deputación para apoialas e unirse a elas.

O acto contou tamén coa presenza da familia Pérez Canle, e a intervención de Elena Pérez Canle, irmá do presidente da CEO falecido e directora de Marketing de Aceites Abril. Elena Pérez encomiou a calidade deste viño premiado e o traballo de exportación da adega, que ten máis mérito se cabe “dada a situación poscovid que dificulta a exportación nun contexto de peche de fronteiras e suspensión de feiras comerciais e misións”, polo que destacou a importancia das plataformas dixitais que permiten continuar coa actividade exportadora.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button