O sector vitivinícola galego disporá de axudas por importe de 3,5 millóns de euros no período 2020-2021 para “mellorar as súas instalacións de elaboración e comercialización”. Este é o orzamento da vindeira convocatoria destas achegas, que sairá publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia, tal e como anunciou o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita celebrada na mañá do 10 de decembro á adega de Luar do Sil, situada en Seadur, no concello de Larouco, dentro da DO Valdeorras.
Trátase, segundo explicou o conselleiro, de aproveitar o valor do viño para lograr un desenvolvemento territorial integrado, coordinado e consensuado, que conte con todos os axentes clave do territorio. Procúrase mellorar o posicionamento do produto, de maneira especial nos mercados exteriores, reforzar a imaxe de marca e identidade vinculada aos diversos territorios e mellorar a eficacia da promoción e comercialización de produtos turísticos relacionados directamente co sector vitivinícola.
A adega Luar do Sil, que coñeceu o conselleiro en compañía da alcaldesa de Larouco, Patricia Lamelas, transforma anualmente arredor de 117 toneladas de uva godello, colleitadas nunha superficie de viñedo dunhas 13 hectáreas.