EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A Adega Ronsel do Sil celebra o Día da Muller Rural co novo viño “Muller Cepa”

Este viño representa "á muller, unha muller cuxas raíces son tan profundas como as das cepas da Ribeira Sacra e que expresa a fortaleza, a autenticidade, a perseveranza e a sensibilidade", destaca a adegueira María José Yravedra

 

A Adega Ronsel do Sil (Parada de Sil), pertencente á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, conmemorará mañá 15 de outubro o Día Internacional da Muller Rural dun xeito moi especial. Presentará un novo viño de edición limitada: “Muller Cepa 2019”. Este viño representa “á muller, unha muller cuxas raíces son tan profundas como as das cepas da Ribeira Sacra e que expresa a fortaleza, a autenticidade, a perseveranza e a sensibilidade. Unha muller heroica, como a viticultura desta paisaxe única”, explican a propietaria de Ronsel do Sil, María José Yravedra.

Neste viño cobra protagonismo a uva mencía, xunto con outras variedades tintas autóctonas da Ribeira Sacra. Esta plurivariedade, conta Yravedra, reflexa “a personalidade polifacética da muller rural, quen con tenacidade, mostra infinidade de aptitudes no seu día a día. Como as cepas, que se adaptan aos climas máis extremos durante décadas, así tamén a muller sempre sabe manterse firme ante as dificultades”. A etique de “Muller Cepa” está inspirada na gran bailarina Marta Graham e na historia de Siringa das Metamorfoses de Ovidio, “que representa a unha muller en simbiose co terroir e a viña”.

“Muller Cepa” anunciábase esta mañá en FEMUR (Federación da Muller Rural). A súa presidenta nacional, Juana Cordeiro, dirixíase á adegueira e propietaria de Ronsel do Sil, María José Yravedra, a iniciativa, para agradecerlle “esta bonita e sinceira homenaxe a todas as mulleres rurais”.

Como muller adegueira e membro de asociacións dedicadas á muller e a vitivinicultura, María José Yravedra quere estender esta homenaxe “a todas as mulleres, a través deste viño procedente dunha única e exclusiva parcela nos Canóns do Sil”. E lembra que, segundo a Organización das Nacións Unidas, “as mulleres rurais -unha cuarta parte da poboación mundial- traballan como agricultoras, asalariadas e empresarias. Labran a terra e plantan as sementes que alimentan nacións enteiras. Ademais, garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático”.

Artigos relacionados

Back to top button