EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A adega valdeorresa Godeval inicia a campaña de vendima

 

Entre as primeiras adegas que veñen de abrir a campaña de vendima en Valdeorras está Godeval, con sede en Xagoaza (O Barco). Neste 2 de setembro comeza a súa vendima número 35 recollendo a variedade branca godello. Este ano recuperan a data “habitual” de inicio da recolección da uva despois de que na campaña 2020 tivesen a súa vendima máis temperá empezando o 24 de agosto.

Esta adega que se dedica en exclusiva á godello conta con moi boas expectativas para esta campaña. Os vendimiadores abriron vendima na finca Portela (Vilamartín) e está previsto que durante uns 10 días se recollan preto de 150.000 quilos de uva nunhas 24 hectáreas de viñedo propio de godello.

Desde a adega explican que “a meteoroloxía desta campaña foi adecuada ás necesidades do viñedo, cunha brotación temperá a principios de abril e unha primavera húmida. Seguida dun verán con temperaturas contidas, noites frescas e algunha precipitación intercalada, ideal para o desenvolvemento da vide e o seu froito. Nos días previos ao comezo de vendima realizaron controis de maduración nos que relatan que constataron que a uva está “moi sa, ben desenvolvida e en óptimo equilibrio de azucres e acidez”.

Godeval prevé “uns viños de marcada influencia atlántica, con intensidade aromática, frescos”. Os seus datos apuntan a que terán “unha gran colleita”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button